A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, avogou este martes 3 de outubro no Parlamento de Galicia porque “a Xunta continúe aplicando as medidas propostas para a recolección, produción e xestión da mexilla”, e “apostando polo diálogo con bateeiros e percebeiros para que ambas actividades se desenvolvan de xeito coordinado e en igualdade de condicións, asegurando o entendemento e beneficio mutuo dos intereses das dúas partes”.
Teresa Egerique manifestou que a Xunta “en ningún momento demos por resolto o problema da mexilla e sempre traballou para atender as demandas tanto de bateeiros como de percebeiros”.
“Estamos ante un asunto complexo e desde o Goberno galego actuouse para buscar solucións e reducir a dependencia do sector da extracción do medio natural”, lembrou a portavoz popular. Deste xeito, indicou que a Xunta continúa abordando o deseño dunha norma que teñan un plan de xestión da mexilla como ferramenta fundamental para adaptar a extracción ás necesidades dos distintos sectores e á situación do recurso”.
Así mesmo, apuntou que a Consellería avanza en distintas investigacións para mellorar a captación de cría a través de novos elementos colectores e tamén para optimizar a produción en criadeiro.



