Arqueoloxía, musicoloxía, lingua e antropoloxía centraron a 6ª edición das xornadas “A Pobra do Caramiñal no Tempo”

09 Outubro 2023

A máquina do tempo volveuse activar esta fin de semana cunha nova edición das xornadas de divulgación histórica e patrimonial A Pobra do Caramiñal no Tempo, que desta volta puxeron o foco na arqueoloxía, na musicoloxía, na lingua e na antropoloxía. O alcalde da Pobra do Caramiñal e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e o xornalista local Manuel Gago, un dos promotores desta cita, xunto co rexedor, encargáronse de abrir a sexta edición destas xornadas o sábado 7. Fixérono no Teatro Cine Elma.

Na primeira conferencia, a arqueóloga Patricia Mañana-Borrazás explicou como era a vida 6000 anos atrás en O megalitismo na península do Barbanza e a ría da Arousa: construción de mámoas, dolmens, menhires; estilo de vida nómade, inicio da agricultura e da gandaría, confección de obxectos de cerámica… Segundo dixo, “Galicia é unha potencia mundial no megalitismo”, sobre todo por terse constatado a existencia de aproximadamente 10.000 xacementos megalíticos catalogados. Con relación a isto, analizou a paisaxe megalítica no Barbanza, que destaca pola concentración de dolmens e o menhir de Cristal. No caso da Pobra, fixo referencia ás mámoas das Ceas, do monte do Barbanza, do Alto das Brañas, do Campo das Estibadas, de Moldes, da Cova dos Mouros, do Alto da Barreira, da Forneira e o achado illado dun machado atopado nun control arqueolóxico na rúa Paz.

Deseguido, o historiador e o musicólogo Alberto Cancela Montes impartiu o relatorio A importancia da Pobra do Caramiñal na vida e obra do músico Ricardo Fernández Carreira. Nado en Caldas de Reis en 1881, Fernández Carreira comezou a súa etapa na Pobra en 1909: foi director da banda ata 1921, funda e dirixe Lauda Sion e é músico do casino da Pobra, entre outros labores. Acadou o cumio do seu corpus compositivo co poema sinfónico El Pórtico de la Gloria, con influencias de músicos como Stravinsky, Debussy e Strauss. No remate da súa intervención, o relator expresou que foi un compositor que se valía da música tradicional, pero levándoa á confrontación e experimentación con linguaxes modernas.

Tras un breve descanso, retomouse a teoría con Unidade, variación, mudanza: a lingua no sur do Barbanza, da man da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, quen indicou que “non cabe pensar que unha lingua viva non teña variación”, pois esta acomódase en función de múltiples factores como as circunstancias culturais, económicas e sociais do territorio. Tamén disertou sobre as clasificacións léxicas, morfolóxicas e fonéticas que se lle aplican ao idioma galego, ademais de salientar a riqueza lingüística do Barbanza, con pezas léxicas únicas.

No final interveu o antropólogo Rafael Quintía con O mundo simbólico do mar na ría da Arousa. Segundo dixo, “algúns dos factores de ameaza existentes na nosa tradición son o maligno, os malos espíritos, o mal de ollo, a enfermidade e a meteoroloxía, o cal afecta o mundo mariño que representa o alleo, o non humano, o salvaxe, o descoñecido, o perigoso e o alén”. Para protexerse, engadiu, “a xente da costa levou a cabo unha serie de prácticas rituais; uns métodos de protección que tamén se fan extensíbeis á casa mariñeira e á propia persoa co uso de amuletos”.

Como agasallo para o público presente, fíxose a entrega dunha reprodución do plano conservado na Real Chancelaría de Valladolid, que permite coñecer a distribución do interior dunha casa de familia acomodada da Pobra do Caramiñal a finais do século XVIII.

A parte práctica desenvolveuse na mañá do domingo 8 a través dun percorrido a cargo do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán, pola parroquia do Xobre, na celebración do 300.° aniversario da construción da súa igrexa, que contou coa participación de arredor de 50 persoas.

Os coloquios permanecen dispoñíbeis para a súa reprodución na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.