
Desde agora e nos vindeiros meses, a plataforma da pesca e dos ecosistemas mariños -que dan pulo ao manifesto de Burela- levará a cabo concentracións en portos pesqueiros para amosar a súa desaprobación coa situación na que se atopa nestes momentos o sector pesqueiro.
Reférense os membros da plataforma á aprobación dos plans de ordenamento do espazo marítimo (POEM) e a reserva de 5.000 quilómetros cadrados da plataforma continental, que é onde se concentran os caladoiros e a actividade pesqueira, “sen realizar ningún estudo previo sobre impacto medioambiental e impacto socioeconómico”.
Nunha recente xuntanza celebrada, os membros da plataforma acordaron agardar á constitución do novo Goberno para pedir unha reunión co titular do ministerio que xestione a ordenación do esforzo mariño “para solicitar que se acorde unha moratoria na implantación da eólica mariña en augas españolas”, ata que os estudos pendentes sobre avaliación de impactos nos ecosistemas mariños e impacto socioeconómico estean realizados e, polo tanto, “poidamos saber se é posible a coexistencia destas tecnoloxías coa actividade pesqueira”.
Prevén asimesmo que sexa o novo responsable ministerial quen atenda a petición da derrogación do Real Decreto 150/2023 de 28 de febreiro polo que se aprobaron os devanditos plans de ordenamento, “ao supor un ataque directo á pesca e os ecosistemas mariños e contravir todas as recomendacións do Parlamento Europeo e do propio Congreso dos Deputados coa proposta non de lei aprobada por todos os grupos parlamentarios na anterior lexislatura”.
Constituidos os distintos grupos parlamentarios, deciden solicitar unha xuntanza con eles a efectos de lles explicar as “múltiples irregularidades xurídicas” do devandito decreto, para que “todos os grupos” insten ao novo Goberno a derrogar esa norma “dadas a máis as graves consecuencias que a súa aplicación, en relación ás zonas reservadas para a implantación da eólica mariña en augas españolas, conlevaría en relación co sector pesqueiro e os ecosistemas mariños”.
Demandan asimesmo do Instituto Español de Oceanografía a constitución dun grupo de traballo “para valorar os posibles impactos destas tecnoloxías de eólica mariña noos ecosistemas mariños das augas españolas”.
Por último, dado que a xuntanza solicitada no seu día pola plataforma non foi atendida polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación -agora en funcións- pediranlle ao novo titular que xestione a pesca.



