A Cámara de Comercio de Santiago vai organizar para a semana unha actividade formativa que nos achegará recursos e capacidades para analizar e comprender a actividade xerada polos nosos sitios en liña. Será de balde e en formato online. Poderán participar as empresas e profesionais do Barbanza, que, como vén sendo habitual, teñen á súa disposición as actividades da entidade cameral compostelá.

A xornada Como interpretar as estatísticas de visitas á túa web celebrarase o 27 de setembro en horario de mañá (10.00 – 11.30 horas) e porá o foco nos seguintes contidos: o tipo de datos nos proporcionan as estatísticas de visitas, as ferramentas para obtelas, como facer cambios nunha páxina en función da información xerada, como analizar estatísticas xerais (visitas e visitantes), que son os indicadores de calidade visitas, a importancia da localización xeográfica dos visitantes e dos seus perfís ou os dispositivos dende a que se realizan as visitas, entre outros temas.
O relator será Javier Rocamora García, consultor autónomo especializado e con dilatada experiencia en mercadotecnia dixital, xestión de redes sociais e comercio electrónico desde 2008, operando baixo a marca comercial As 3 en Punto.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, programa financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con Fondos Next Generation EU.



