Case un milleiro de persoas participan este sábado no proceso selectivo para cubrir 89 prazas de Policía Local en 24 concellos, entre eles Noia, Padrón e Porto do Son

22 Setembro 2023

Case un milleiro de persoas participan mañá no recinto feiral de Silleda nos primeiros exercicios do proceso selectivo de acceso a 89 prazas de Policía Local convocadas por 24 concellos de xeito centralizado a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

O exercicio consistirá nunha proba de avaliación de coñecementos tipo test de 120 minutos con 100 preguntas e catro respostas alternativas propostas polo tribunal designado para xulgar o proceso selectivo, das cales só unha é correcto. O tribunal acordou incluír no cuestionario, un total de 10 preguntas de reserva, que no suposto que se anule algunha das cuestións da proba de coñecementos, teranse en conta e puntuaranse igual que as do resto do exercicio. A proba terá unha duración de 120 minutos, e non se concederá tempo a maiores.

As cuestións están relacionadas cos 40 temas que compoñen o contido teórico de acceso. Entre eles figuran dereito constitucional e penal, policía administrativa, tráfico e seguridade viaria, así como deontoloxía policial, violencia de xénero e dereitos humanos.

Na mesma xornada e, inmediatamente a continuación da primeira proba, as persoas non exentas terán que someterse ao segundo exercicio da oposición, isto é, a proba de avaliación do coñecemento da lingua galega. Consistirá na tradución dun texto do castelán ao galego e outro do galego ao castelán e terá unha duración máxima dunha hora. Están exentas desta proba as persoas que acreditaron contar con certificado Celga 4 ou equivalente.  

As 300 persoas aspirantes que resulten aprobadas con mellor cualificación na proba de avaliación de coñecementos de mañá serán convocadas ao terceiro exercicio correspondente ás probas físicas – de velocidade, de potencia de trens superior e inferior e de resistencia xeral e de natación- sempre que sexan aptas na proba de coñecementos da lingua galega ou estean exentas da súa realización.  

O proceso prevé  tamén unha proba psicotécnica para determinar as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais. Os exercicios culminan cun recoñecemento médico para garantir que as persoas aspirantes estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento das funcións policiais.

As persoas aspirantes que cheguen ao final do proceso deberán entón superar o curso selectivo de formación teórica e práctica na Academia Galega de Seguridade Pública formando parte da 16ª promoción de Policía Local para ser finalmente nomeado persoal funcionario de carreira na categoría de policía no correspondente concello.

A Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local,  a través dun convenio de colaboración cos municipios que decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local.

Dos 24 municipios que ofertan 89 prazas a través desta convocatoria, a meirande parte son da provincia da Coruña, con A Coruña, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Ferrol, Muxía, Narón, Noia, Padrón e Porto do Son. Da provincia de Pontevedra figuran prazas nos municipios de Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo.

Ademais de formar as promocións de policía local e auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias cun amplo plan de formación continua anual. No primeiro semestre deste ano realizáronse 329 cursos nos que participaron máis de 11.400 efectivos e están previstos outros 75 no último trimestre. Ademais, antes de finais de ano remataranse os procesos selectivos coma este para cubrir 89 prazas de Policía Local pola quenda libre, ademais de cubrir 22 vacantes desta categoría pola quenda de mobilidade, 11 de oficial e 1 de vixiante municipal. Xa están cubertos 96 postos de auxiliar de policía local.

Outros artigos

COGAMI impulsa unha campaña para captar talento de xente nova

A campaña tamén chegou ao Centro Social de Boiro A confederación inclusiva COGAMI que preside o sonense Anxo Queiruga lanzou unha campaña de sensibilización e captación de talento de mozas e mozos para dar a coñecer o Servizo de Emprego entre a xente nova con...

+

Noia homenaxea este domingo a Sebastián Paz Suárez

O Concello e veciñanza de Noia van homenaxear este domingo ao profesor e escritor Sebastián Paz Suárez (Noia, 1943), neto do compositor Felipe Paz Carvajal e comprometido coa recuperación e reivindicación da historia do seu avó, destacado autor musical, director de...

+

O conto da toupiña da Xanela de Maxín chega este domingo a Noia

Este domingo temos unha cita co teatro familiar no Teatro Coliseo Noela, en Noia. A compañía A Xanela do Maxín trae ao Noela a obra A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, unha divertida historia para a rapazada protagonizada por unha pequena...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana”. Mario Clavell

“Desde la ventana”. Mario Clavell

En este martes laborable miro desde mi ventana de trabajo el valle del Sarela, monte Pedroso detrás, los cultivos agostados debajo, el barrio de Casa Novas y la Casa del Presidente. Nubes de otoño y algunas gaviotas que planean. Chopos y plátanos amarillean en este...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.