Arrinca este luns 25 de setembro a dobre campaña de vacinación para protexer aos colectivos máis vulnerables. Así, iníciase de forma paralela a dobre vacinación contra o COVID e a gripe nas residencias de maiores (ao redor de 30.000 usuarios) e a aplicación da inxección aos bebés para previr o VRS, ou virus sincitial, que orixina as bronquiolitis.
En canto á dobre vacinación de COVID e gripe, que se converteu nunha campaña estacional e que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) pretende desenvolver en diante de forma conxunta, arrinca en residencias mañá e, a partir do 16 de outubro, comezará a para a poboación diana xeral.
Unha das principais novidades, ademais da administración da dobre inxección –que xa se ensaiou o ano pasado–, é que nesta campaña presente que arrinca o primeiro luns de outono desaparece a recomendación de vacinarse contra o COVID a menores de 60 anos (salvo casos de risco ou embarazadas e puerperio). Isto é, tanto a gripe como o COVID pasan a ser dúas doenzas cuxas doses de inmunización administraranse de forma conxunta e como recomendación aos maiores de 60 anos. O Sergas aspira a repetir o fito de superar o 75% da poboación diana inmunizada.
Paralelamente desenvolverase a campaña específica da gripe, que tamén é estacional e que ten a súa poboación diana específica, en boa parte coincidente coa dobre inmunización.
Como principal novidade atópase a inclusión da poboación fumadora como grupo recomendado.




