O virus respiratorio sincitial é un clásico na asistencia pediátrica no outono-inverno. O 85 % dos casos danse entre setembro e febreiro e son a causa do 70 % das bronquiolites e das infeccións respiratorias do tracto inferior.
O anticorpo que se lles empeza a administrar desde este luns á poboación infantil en Galicia busca previr os cadros graves e os ingresos.
“O que vai facer é darlles aos nenos defensas fronte ao virus. Evidentemente, pódense infectar, si, pero van ser casos máis leves”, explica a presidenta da Sociedade Galega de Pediatría.
O Sergas prevé vacinar máis de 15.000 nenos e nenas.
Susana Rey, presidenta da Sociedade Galega de Pediatría aconsella que os cativos sexan vacinados tamén contra a gripe. Subliña que aínda que adoitan cursar cadros leves, son os transmisores por excelencia dos virus.
“A protección dos nosos nenos significa a protección da saúde de toda a comunidade”, afirma. (G24.gal).




