O Concello de Boiro colabora coa Asociación Española contra o Cancro en Boiro na organización dunha nova edición da andaina solidaria Boiro, en marcha contra o cancro. O alcalde, José Ramón Romero; participou este venres 29 na presentación xunto coa presidenta da entidade, Marisa Lojo; e outros membros da entidade local.

A andaina terá lugar o domingo 15 de outubro con saída ás 11.00 horas da praza de Galicia. Trátase dun percorrido circular duns 5 quilómetros que percorrerá o paseo marítimo de Barraña e o esteiro do río Coroño para volver á praza de Galicia. “A AECC de Boiro fai un labor importantísimo da visibilización e recadación de fondos para a investigación do cancro, e a veciñanza sempre se implica cando se trata dunha causa solidaria como esta andaina”, afirmou o alcalde.
A presidenta da entidade, Marisa Lojo, agradeceu a implicación das empresas e persoas que colaboran para levar a cabo esta andaina e recadar fondos. “É un percorrido moi bonito e moi sinxelo, polo que esperamos que todo o mundo se anime a participar o próximo día 15 de outubro”, comentou Marisa Lojo.
As inscricións teñen un prezo de 8 euros para persoas adultas e 5 euros para nenos e nenas menores de 12 anos e poden facerse na Oficina de Turismo de Boiro, na Farmacia Ortopedia Ana Torrente, na Galería Sargadelos en Modas Naty ou todos os martes e sábados na rúa peonil de Boiro. Están tamén abertas as inscricións online.


