A música popular de Alemania, Escocia, Francia e Irlanda, protagonistas este venres, 4 de agosto, do 10º Noia Harp Fest

03 Agosto 2023

A segunda xornada da décima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o Noia Harp Fest, terá como protagonista o virtuosismo de mulleres arpistas a través da música folk e popular de Alemania, Escocia, Francia e Irlanda.

Laoise Kelly

A irlandesa Laoise Kelly, considerada a máis relevante da súa xeración, abrirá a xornada ás 19:00 horas na igrexa de Santa María A Nova. É pioneira nun novo estilo de condución da arpa instrumental que se mostra nos seus tres álbums en solitario aclamados pola crítica: Just Harp, Ceis e Fáilte Uí Cheallaigh. Kelly foi membro fundador do grupo tradicional Bumblebees, con quen gravou dous álbums, e de Fiddletree, un grupo de América, Cabo Bretón e Escocia que toca 8 instrumentos feitos coa mesma árbore. Ademais, a arpista participou na gravación de máis de 70 álbums con figuras como Seamus Heaney, The Chieftains, Christy Moore ou Sharon Shannon; ou mesmo coa icona estadounidense do country/bluegrass Tim O’Brien.

Ás 21:00 horas, na praza do Tapal, será a quenda do dúo franco-alemán conformado por Gilles Chabenat e Daniela Heiderich. Cunha arpa de levas bohemia, zanfona, voz e gaita francesa, evocarán melodías de baile conmovedoras e cancións profundamente emotivas. “O repertorio do dúo”, engade a organización do festival, “abrangue desde composicións propias modernas ata músicas tradicionais francesas e alemás ou melodías de manuscritos antigos, en cuxa interpretación exploran as posibilidades e experiencias sonoras dos seus instrumentos”.

Finalmente, na mesma praza do Tapal, a noite pecharase cunha das bandas que irromperon na escena folk nos 90, as escocesas The Poozies, e que será unha das grandes sensacións do festival. Desde o seu nacemento, o grupo realizou xiras por todo o mundo, acadando recoñecemento pola súa ecléctica elección de material, arranxos inusuais e emocionantes e harmonías vocais conmovedoras. A actual formación de The Poozies atesoura unha gran colección de cancións xeniais e melodías groovy e o seu concerto comezará ás 22:00 horas.

The Poozies

Noia Harp Fest

O 10º Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, e dirixido por Rodrigo Romaní coa colaboración de Beatriz Martínez e Alba Barreiro, ofrecerá este 2023 nove concertos, que serán de acceso gratuíto para o público. Ao longo de catro xornadas, estilos coma o folk, a vangarda e a electrónica, as músicas populares galegas, francesas e alemás, ou mesmo a clásica contemporánea, percorrerán as rúas, prazas e recintos culturais de Noia.

Así, a praza do Tapal, a igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia acollerán as actuacións de arpistas de recoñecida traxectoria, coma a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a andaluza Müsgo; de novas intérpretes que están a espallar o seu talento nas mellores orquestras de Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolas Elisabeth Cerra e Claudia Besné; e de agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia ou de SonDeSeu.

Ademais de artistas notábeis do ámbito galego, estatal e internacional, o NHF acolle tamén ás persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas de Galicia. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fai do Noia Harp Fest unha proposta estimulante e próxima para todos públicos de todas as idades. O Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Noia e da distribuidora musical Altafonte. Tamén colaboran nesta edición o Liceo de Noia e a Asociación de Española de Arpistas. Para máis información, pódese visitar www.noiaharpfest.gal.

Axenda do Noia Harp Fest para o venres 4 de agosto

Santa María A Nova, 19:00 horas | Laoise Kelly
Praza do Tapal, 21:00 horas | Gilles Chabenat & Daniela Heiderich
Praza do Tapal, 22:00 horas | The Pozzies

Outros artigos

O Noia Portus Apostoli, tricampión da Copa Galicia de fútbol sala

Tricampión de Galicia. O Noia Portus Apostoli volveu coroarse este 17 de maio, Día das Letras, como o auténtico rei de Galicia tras proclamarse campión da Copa Galicia por terceiro ano consecutivo. O bloque noiés, o noso único representante na máxima categoría do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...