Nesta recta final de agosto as persoas participantes no Certificado de Confección e Montaxe de Artes e Aparellos do Obradoiro de Emprego Tahume VIII, programa de emprego co-impulsado polos Concellos de Porto do Son e Ribeira, implicouse en varias actividades que complementaron a súa formación. Entre estas actividades incluíuse por exemplo unha visita á nave de redes no porto de Aguiño (Ribeira), onde o alumnado puido observar o gran traballo das redeiras para os barcos do cerco e aprender da súa longa experiencia na elaboración, preparación e reparación dos aparellos, elementos vitais para o desenvolvemento da actividade dos nosos buques pesqueiros.

Ademais, as e os participantes do Certificado fixeron entrega ao Concello de Porto do Son do conxunto de redes creadas artesanalmente para as canastras de baloncesto municipais. Foron recollidas oficialmente polo concelleiro de Deportes, Carlos Lorenzo.

As dúas especialidades activas da oitava edición do Obradoiro de Emprego Tahume (aparellos de pesca, por unha banda, e cociña, pola outra) comezaron a súa andaina o pasado 3 de outubro, sendo a súa finalidade favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous municipios (Ribeira e Porto do Son) a través de formación especializada, avanzada e dunha índole marcadamente práctica, poñendo o foco na mocidade local. Un total de vinte alumnos e alumnas participan nesta convocatoria, unha edición dual con dúas especialidades distintas: por unha banda operacións básicas de cociña e pastelería e, pola outra, confección e montaxe de artes e aparellos.



