A conselleira de Política Social e Xuventude, a ribeirense Fabiola García, anunciou o inicio das obras no interior da residencia pública autonómica da Pobra do Caramiñal que terán como cometido actualizada e adaptala ao novo modelo de coidados. Foi durante unha visita realizada esta tarde aos usuarios para presentarlles o proxecto cuxos traballos comezarán mañá mesmo.
En concreto, a conselleira explicou que a actuación permitirá unha mellora integral dos espazos interiores do centro para modernizalos, facelos máis accesibles, máis luminosos e con máis zonas comúns para o desfrute dos usuarios. Ademais, tamén se porá a disposición dos usuarios unha nova sala de rehabilitación. O obxectivo é actualizar este centro, con máis de 40 anos de traxectoria, e facelo máis fogar para os seus residentes.
O Goberno galego destinará a esta actuación 366.000 euros e prevese que os traballos rematen a finais deste ano 2023. A estas obras de mellora, súmanse as realizadas no exterior do edificio por 500.000 euros e que remataron a comezos deste mesmo ano.
Neste caso, as actuacións centráronse na renovación da fachada, o cambio de ventás e da súa cuberta para mellorar a eficiencia enerxética e o confort dos usuarios.
Presentación de Lavadoiro
Posteriormente, Fabiola García asistiu á presentación do proxecto Lavadoiro no restaurante Baiuca, en Ribeira. Trátase dun traballo audiovisual que busca reflexionar sobre o patrimonio e a figura da muller en Galicia e conta con varios espazos situados no concello do Barbanza.




