A conmemoración do 90º aniversario de Teatro Airiños pecha este domingo a oitava edición de Titiriberia en Rianxo

29 Xullo 2023

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, celebra en Rianxo até este domingo 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o festival levou até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correron a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal.
A programación continúa mañá domingo ás 12.00 horas na Praza de Castelao, coa estrea da peza O cego dos monifates. Romance de Peito Lobo. Este espectáculo itinerante de Seisdedos en coprodución co festival é unha recreación dos tradicionais números habituais nas feiras de antano. Un cego das coplas percorrerá a vila e incorporará ao seu repertorio elementos da tradición local, con referencias ao personaxe Peito de Lobo e os cabezudos de Rianxo.
Acto seguido, ás 13.00 horas, na Biblioteca Municipal Castelao, o investigador José Luis do Pico Orjais ofrecerá unha conferencia titulada Castelao e os cabezudos de Rianxo. Deste xeito, abordará tamén o papel de artistas como o pintor Constante Gil, ademais das claves da historia de Castelao e de Peito Lobo. O relatorio finalizará coa interpretación dalgunhas pezas musicais ás que era afeccionado o insigne rianxeiro, autor de títulos como Sempre en Galiza.
Ás 18.30 horas, na Praia de Tanxil, a compañía portuguesa Red Cloud Teatro de Marionetas representará o seu espectáculo Teatro Dom Roberto, peza onde reúne varias historias clásicas protagonizadas polo personaxe referencial da longa tradición dos títeres de cachaporra no país veciño.
Por último, ás 20 h. o Centro Social da Atalaia en Asados (Escolas Vellas) recibirá a Teatro Airiños, histórica formación rianxeira que celebra neste 2023 o seu 90º aniversario. Para conmemorar a efeméride, Titiriberia acolle a última función da xira do espectáculo coa que festexan os seus noventa anos de traxectoria: República Sideral.
O texto escrito, pola rianxeira Esther Carrodeguas, resultou gañador do XIV Premio Barriga Verde de textos de teatro para monicreques que convoca a Xunta de Galicia. O grupo Airiños, baixo a dirección de Amantia Coello, leva a escena con actrices e actores esta historia, baseada en feitos reais, na que un grupo de veciños da Illa de Arousa declarou a independencia en 1934.

Unha traxicomedia chea de cor e diversión que adapta ao traballo actoral as dinámicas de
títeres de cachaporra tradicionais nun interesante experimento.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.