Este 26 de xullo celebrouse a presentación oficial do Festival Noites de Jazz de Rianxo. Nela participaron Julio Alcalde, novo concelleiro de Cultura, que exerceu de anfitrión e guiou o acto, Bernal Muíños, docente do Curso de Big Band. Alfredo Susavila, director do Departamento de Jazz da Big Band da EMR (Escola de Música de Rianxo), Pastor Rodríguez, Director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e Jose Luis Veiras Manteiga, autor da exposición Veiras Manteiga: Jazz 2023.

Na presentación, Bernal Muíños, músico e docente no Curso de Big Band agradeceu pola súa parte “a oportunidade de participar” como mestre nun festival de referencia no que el mesmo participou como alumno.
Alfredo Susavila destacou “a importancia da posibilidade de aprender a se desenvolver musicalmente na que sen dúbida é a formación de maior entidade do mundo do jazz, a big band”. E explicou: “Para os alumnos é unha oportunidade única de se integrar nunha estrutura que debido á actual situación da difusión do jazz formativo, é moi difícil de atopar, e máis difícil de se integrar nela”.
A continuación, Susavila detallou a que será a programación destes días, que comezará o mércores 2 de agosto ás 22:00 na praza de Rafael Dieste coa actuación da Big Band da ECM, formada por alumnado e profesores do curso específico desenvolvido no mes de xullo da man do propio Alfredo Susavila (director e docente), Bernal Muíños (docente) e co-organizado pola Escola de Música de Rianxo.
A programación continuará o xoves 3 á mesma hora no mesmo lugar, coa actuación de Laroá, un proxecto que busca a fusión do tradicional, o jazz e os ritmos propios da Península Ibérica artellando unha viaxe sonora repleta da mestura e variedade que ofrecen as súas dúas voces femininas, acompañadas de saxos, clarinete baixo, baixo eléctrico, teclado, percusión, gaita, whistle, batería e percusión.
O venres ás 13:00 h amplíase a programación coa actuación de The Sar Swing Quintet na rúa de Abaixo, Voltará o Jazz á praza de Rafael Dieste no horario habitual das 22:00 h do mesmo venres con David Regueiro Trío e Alexandre Cavaliere. David, cunha ducia de discos editados, é un dos guitarristas de gypsy jazz máis prominentes do ámbito estatal.
Na derradeira xornada, a do sábado, a quenda de mañá na rúa de Abaixo será para Teshuva. Tuba, saxo soprano, acordeón, guitarra e voz “fan a mistura indispensábel nunha viaxe entre culturas que supón tamén unha viaxe no tempo”, destacaron na presentación.
E como broche final, o sábado ás 22:00 h na rúa de Abaixo, actuará Cromática Pistona, unha banda madrileña formada ao longo de 2008, concibida como orquestra popular de swing-jazz-rock, e con xa tres discos publicados. En Rianxo ofrecerá “a súa potente e elegante posta en escena coa única misión de lograr divertir e divertirse a partir dunha clara vocación festiva e un repertorio certamente orixinal”, sinalaron os organizadores do festival.
Tras a presentación do programa continuou Pastor Rodríguez, director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira quen despois de agradecer ao Concello de Rianxo a colaboración iniciada xa hai uns anos, insistiu na vocación de traballar sempre para este certame con autores locais que interpreten o jazz a través da súa propia expresión artística, e neste caso destacou a sorte de contar con Veiras Manteiga como firma na exposición que fará a súa inauguración o próximo venres 28. Fixo unha pequena reseña da figura do autor da exposición, do que destacou a súa capacidade creativa cunhas escenas “cheas de cor, en cadros contrapostos que transmiten toda a modernidade e a creatividade intrínseca do jazz que representa, a súa forza, ledicia e tristura”. Esta mostra, dixo, permitirá gozar deste estilo de música “dunha maneira visual, o que unido á experiencia sonora deste certame rianxeiro, converte este binomio nunha experiencia cultural única”.

Pola súa parte José Luis Veiras Manteiga autor da exposición, artista internacional con fortes raíces galegas e membro do colectivo francés aaa53, agradeceu a oportunidade de colaborar novamente co Concello de Rianxo, pois xa colaborou no cartel do ano de Castelao. Indicou que todas as obras foron realizadas expresamente para esta exposición. Para a elaboración das obras inspirouse no jazz de diversas partes do mundo, tanto o francés (a outra patria artística do pintor), o cubano, así como o americano de Luisiana ou Florida, por iso abundan os instrumentos propios de cada zona. En canto á técnica utilizada, as obras foron realizadas a través da estampa dixital, na que o autor realiza a obra en debuxo para despois escaneala, retocala e coloreala dixitalmente no ordenador.
Finalmente Julio Alcalde, concelleiro de Cultura agradeceu a todos os colaboradores, sen esquecer á Deputación da Coruña “pola axuda económica sen a que sería imposíbel este festival”, á Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira pola espectacularidade da exposición que mostran, á Escola de Música de Rianxo “polo traballo de formación e de proposición tan necesario para enriquecer e diferenciar o certame”, e destacou por unha banda a ampliación do festival cos concertos do mediodía de venres e sábado, “o que fala do crecemento que está a experimentar esta proposta cultural, así como o compromiso coa redución do impacto ambiental na súa xestión, mediante a dixitalización dos programas e a inclusión na cartelería dun QR no que poder consultar toda a programación”. Rematou confirmando que todas estas accións, “sumadas ao esforzo e o compromiso de todos os implicados”, fan deste festival, “unha cita de referencia, senón nacional, si de seguro autonómica, á que quedades todos e todas convidados”.
Ás preguntas realizadas, os participantes na presentación desta edición, destacaron a apertura, a capacidade divulgativa, formativa, creativa, así como as localizacións elixidas para os concertos, que fan desta cita, “o Festival de Jazz con máis encanto de toda Galicia”, coincidiron.



