A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o arquitecto inglés afincado en Corrubedo David Chipperfield (presidente da Fundación RIA), estiveron este mércores 19 de xullo en Palmeira (Ribeira), onde explicaron os detalles da recente remodelación do porto e onde (tamén) reivindicaron un xeito sustentábel, inclusivo e resiliente de facer urbanismo.

Na súa estadía, a conselleira avanzou as liñas estratéxicas da Axenda Territorial de Galicia, que aposta por un modelo urbanístico respectuoso co medio natural, seguro e accesíbel, tal e como se establece tamén na Axenda 2030 asinada por Nacións Unidas. Esta axenda galega, dixo, “será a folla de ruta que oriente as decisións e políticas en materia de territorio desde unha visión global e integrada”. Tamén lembrou que o documento é froito do traballo en común da Consellería, a Fundación Rede Innovación Arousa e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que asinaron un convenio de colaboración para dar comezo os traballos que servirán de base á folla de ruta.
Logo de avanzar que o obxectivo é que este documento poida ser aprobado en 2025, a vicepresidenta segunda avanzou que o primeiro paso deste proceso será “a apertura dun proceso de participación pública con todos os axentes implicados neste eido para establecer estratexias e liñas de acción.” Deste xeito, celebraranse foros, mesas redondas ou conferencias de expertos internacionais, nacionais e locais, en base ao que se elaborará un documento síntese que incorpore unha visión que sirva como base para a elaboración da Axenda Territorial de Galicia.

Durante a visita que realizou á actuación levada a cabo no porto de Palmeira, no concello de Ribeira, por parte da Xunta e a Fundación RÍA, a conselleira salientou que “a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia facilitará unha mellor integración paisaxística dos espazos portuarios”.
Nesa liña, Váquez incidiu en que “a nova normativa supón unha firme aposta pola interacción porto-cidade cunha dobre finalidade: a integración do ámbito portuario na vila e o impulso da participación da cidadanía no seu desenvolvemento”. Ademais, dixo, “a lei prevé a implantación de usos e actividades que, sen alterar o funcionamento da actividade portuaria, melloren a calidade de vida da cidadanía”.

Nesta liña encadrou a actuación levada a cabo na fachada marítima de Palmeira, que enmarcou “neste obxectivo”, xa “que os traballos realizados permitiron crear un espazo ambientalmente sustentábel e integrado na contorna que responde ás necesidades tanto dos usuarios do porto como da veciñanza”. Ademais, elimináronse barreiras visuais permitindo achegar a vila ao mar. Tamén enxalzou o labor despregado para reordenar o tráfico e o estacionamento e ampliar a zona peonil sobre o dique existente, que, “xunto coa creación de balcóns de pedra e bancadas integradas no noiro do paseo, supoñen unha mellora do espazo público así como da mobilidade e accesibilidade”, apuntou.



