Un incendio rexistrado ao redor do catro menos cuarto desta tarde por unha tixola esquecida ao lume dunha cociña provocou que unha persoa se víse afectada por inhalación de fume.
A vivenda está situada na estrada xeral de Boiro a Cabo de Cruz, concretamente na Rúa Pesqueira, na parroquia de Santa María do Castro, os Bombeiros de Boiro ventilaron tanto a casa implicada como a contigua, que resultou afectada polo fume.
Pasaban as 15:45 horas da tarde cando un veciño alertou ao 112 Galicia de que ardía a cociña dunha vivenda do seu edificio.
De contado, desde o 112 Galicia solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro. Ao mesmo tempo, informouse aos Bombeiros de Ribeira, que non chegaron a intervir.
Dúas persoas, que estaban no interior do inmoble no que comezou o lume, tiveron que ser atendidas e trasladadas en ambulancia ao centro hospitalario de referencia con síntomas de inhalación de fume.
Pola súa banda, os Bombeiros de Boiro atallaron rapidamente as lapas, tralo que comunicaron o balance da súa intervención: o incendio afectou á cociña da vivenda na que se orixinou, e o fume propagouse tamén polo domicilio contiguo.
Finalmente, procederon coas tarefas de ventilación e de comprobación pertinentes.




