Este domingo 9 de xullo regresa a cidade de Ribeira o Día de San Cristovo: unha celebración enmarcada no programa da Festa da Cultura e que foi presentada nos seus detalles o martes 4 de xullo pola vicepresidenta da Asociación Alfaina, María José Carreira, e pola ex-concelleira de Cultura, María José Sampedro.
Carreira recordou que este tradicional evento retomouse no ano 2012 tras corenta anos de paréntese e que “está a cobrar auxe a cada ano que pasa, grazas sobre todo da impliación de asociacións como Os Reventapistóns e colectivos como os camioneiros”.
Na presente edición agárdase darlle un novo pulo pois “nesta ocasión vaise render homenaxe ao sector dos taxistas, agardando contar coa súa participación”.
A cita dará comezo ás 10 horas cunha concentración no Malecón (Alfaia terá preparada decoración para os vehículos que o precisen) en tanto que ás 11 horas comezará unha actuación musical a cargo do grupo de gaitas Xiada.

Ás 12 do mediodía terá lugar a misa solemne na Igrexa Parroquial de Santa Uxía, como sempre na memoria de todas as persoas falecidas en accidentes de tráfico, para dar paso a continuación a un desfile da imaxe de San Cristovo ata o porto de Ribeira, onde se realizará a bendición e posterior percorrido con vehículos polas rúas da cidade ata regresar ao adro da igrexa.



