Algo máis de corenta veciños e veciñas de Lousame, todos eles maiores de 60 anos; participaron na tarde deste martes 20 de xuño (no auditorio da Casa da Cultura) na festa de fin de curso da 20 edición dos Talleres de Memoria do Concello, unha actividade gratuíta que vén buscando mellorar a calidade de vida destas persoas a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe.

O acto estivo presidido pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, quen amosou a súa satisfacción por “poder comprobar de primeira man como este programa mellora a calidade de vida dos nosos maiores, exercitando a súa memoria pero tamén promovendo a xuntanza entre eles para recordar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”.

Acto seguido, sobre o escenario foron subindo dous ou tres representantes de cada grupo de
memoria: Sanguiñal, Aldeagrande, Vilacoba, Escabia, Cruído e Camboño, para daren lectura
a uns divertidos poemas nos que falaban de todo. Dende o ben que o pasaron durante o curso,
cunha reivindicación constante de incrementar nunha hora o programa, ata repaso pola súas
vidas na parroquia e, sobre todo, lembranza dos maiores que nos deixaron nos últimos meses.
O acto rematou coa tradicional entrega de diplomas a todas as persoas participantes, que
interpretaron unha canción en conxunto no que cada grupo elaborou o seu propio texto e
todos cantaron un estribillo común. A festa rematou cunha merenda na sala de exposicións
municipal.

Os Talleres de Memoria de Lousame, que este ano cumpriron a súa vixésima edición, están
organizados polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Consellería de
Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia. O programa está aberto a todos os veciños e
veciñas de Lousame maiores de 60 anos e a inscrición é totalmente de balde e pode facerse
en calquera momento do ano nos Servizos Sociais lousamiás.

As clases inclúen actividades
para manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, as funcións executivas, o
cálculo ou a linguaxe. Unhas áreas que se traballan mediante dinámicas e exercicios
adaptados tanto ao nivel do grupo como ao de cada persoa participante. O próximo curso
dará comezo no mes de outubro.



