
Máis de 9 millóns de pensionistas (dos algo máis de 10 millóns que hai en España) van recibir este verán a paga extraordinaria que será moito maior con respecto á do ano pasado por mor do incremento do 8,5% das pensións contributivas e do 15% para as non contributivas. As pensións de incapacidade permanente derivadas de accidente laboral ou enfermidade profesional recibirán a contía anual asignada en doce pagas e non en catorce como o resto dos pensionistas.
A Seguridade Social confirmou que as pensións terán un aumento “considerable” na paga extraordinaria de verán debido ao aumento aprobado polo Goberno de España conforme ao aplicado na reforma das pensións, que estipula que estas medrarán conforme ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do ano anterior e que os pensionistas comezaron a percibir a primeiros do pasado mes de xaneiro en cada nómina. Un incremento que será dobre pola paga extra de verán.
A cantidade de diñeiro que recibirán os pensionistas nas pagas extras é a mesma que a dunha mensualidade normal, polo que o diñeiro a percibir terá unha contía dobre. Deste xeito, se a pensión media se sitúa nos 1.367 euros, a final deste mes o abono nas súas contas será de 2.734 euros.
Os máis beneficiados van ser os que perciban a pensión máxima, que se sitúa nos 3.059 euros brutos ao mes, polo que os pensionistas recibirán unha pensión total de 6.116 euros, cantidade da que se descontará o IRPF.



