A banda noiesa Momboi, distinguida nos Premios Martín Códax

11 Xuño 2023

Momboi, unha banda noiesa de pop-rock en galego con influencias de estilos latinoamericanos, foi unha das agrupacións gañadoras dos Premios Martín Códax da Música (10ª edición), na categoría de pop e indie. Segundo fan saber os integrantes do grupo nun comunicado compartido nas redes, “estamos moi orgullosos deste premio, só con ver os nomes dos proxectos finalistas sabemos da magnitude deste recoñecemento”. E engaden: “Agradecemos e compartimos este recoñecemento con toda a xente que traballou con nós ao longo destes catro anos, porque sen as súas ilustracións, deseño gráfico, vídeo-clips, gravacións, cartelería, fotos, etc non sería posible acadalo”. Tamén agradecen o importante labor da produtora creativa Urdime.

Gala e palmarés

A festa das músicas e músicos de Galicia da gala dos Martín Códax recoñeceu co premio honorífico a Luz Casal e na categoría de Aresta Emerxente ao pianista e compositor Sergio de Miguel. Nas quince categorías artísticas dos Martín Códax subiron a recoller o premio Arrhythmia, Su Garrido Pombo, Udra, Terrae, Quico Comesaña Grupo, Ailá, Ton Risco e Marcos Teira, Banda de Música Cultural de Salceda, Moura, Sila Lua, Orquestra A Oca Band, Mario G. Cortizo, David Regueiro Trío Ft. Alexandre Cavaliere, Momboi e Pillaband. Os Premios Organistrum foron para a Sala Rebullón de Mos, na categoría de Salas, Galiciantunes na categoría de Proxectos de Comunicación, e a Foliada da Fonsagrada, na de Festivais.

A gala foi dirixida e presentada polo dúo Vaguidades, que forman os actores Isabel Risco e Fran Rei, que, caracterizados como Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, articularon un espectáculo ao redor do viño que se puido seguir a través da web dos premios.

Na recta final da gala, a xunta directiva de Músicas ao Vivo tomou a palabra previamente á entrega do galardón honorífico 2023 a Luz Casal, en palabras do xurado “unha das voces máis valoradas deste século na escena europea”, e que subiu ao escenario para recollelo como colofón á gala.

A directiva de Músicas ao Vivo quixo recoñecer “a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora” que caracterizan a traxectoria da artista nada en Boimorto.

PROXECTOS GALARDOADOS 10.º PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

Metal e heavy: Arrhythmia

Canción de autor/a: Su Garrido Pombo

Blues, Funk e Soul: Udra

Electrónica: Terrae

Folk: Quico Comesaña Grupo

Música Tradicional: Ailá

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Ton Risco e Marcos Teira

Bandas de Música Popular: Banda de Música Cultural de Salceda

Rock e punk: Moura

Músicas urbanas: Sila Lua

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra A Oca Band

Música Clásica e Contemporánea: Mario G. Cortizo

Jazz e Músicas Improvisadas: David Regueiro Trio Ft. Alexandre Cavaliere

Pop e indie: Momboi

Música Infantil: Pillaband

Artista Emerxente:

Sergio de Miguel

Premios Organistrum:

Salas: Sala Rebullón

Proxectos de Comunicación e Difusión: Galiciantunes

Festivais: Foliada da Fonsagrada

Honorífico 2023: Luz Casal

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.