O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Parlamento galego que a aplicación da Lei que permite a cobertura de prazas por concurso de méritos facilitará a convocatoria de dúas prazas para o concello de Ribeira, que poderán prestar servizo no consultorio de Corrubedo e cubrir a baixa de longa duración do médico que presta servizo nesta parroquia.
Alberto Pazos salientou que “a Xunta está a tomar todas as medidas posibles ao seu alcance para paliar a falta de médicos existente a nivel de toda España”, a través de medidas como a prolongación de xornadas, as intersubstitucións, a reordenación de cupos ou a aprobación da Lei para a cobertura inmediata de prazas por concurso de méritos.
Diante da baixa por incapacidade temporal de longa duración do médico que presta servizo no consultorio de Corrubedo, o viceportavoz popular afirmou que “entendemos a molestia dos pacientes, pero en ningún caso se pode falar de desatención” e asegurou que “en ningún caso se vai pechar este consultorio”.
“O Goberno galego está a facer canto está nas súas mans para paliar a falta de profesionais, a pesar de que BNG e PSdeG non deixan de poñer paos nas rodas votando en contra do uso do concurso de méritos para acceder en propiedade a prazas de difícil cobertura, da convocatoria dun MIR extraordinario de primaria ou da creación da especialidade de urxencias”, explicou.

Poderán prestar servizo no consultorio de Corrubedo e axudar a cubrir a baixa de longa duración do médico que atende esta parroquia



