O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión definitiva de subvencións correspondentes ao programa FONL/2023 da Deputación da Coruña, dirixida aos concellos, agrupacións de municipios, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística. Neste exercicio, a institución provincial destina un total de 405.000 euros, dos que cada un dos 27 beneficiarios recibirán unha axuda de 15.000.
A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Betanzos, Boiro, Carballo, Carnota, Carral, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón. Negreira, Oleiros, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Ribeira, Rois, Santa Comba, Teo, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes son as entidades subvencionadas.
Entre as funcións xerais e de dinamización dos servizos están “asesorar a administración en materia de política lingüística, velar polo cumprimento da lexislación, fomentar o uso do galego na sociedade; planificar, xestionar, executar e avaliar accións favor da lingua, propoñer programas dinamizadores ou coordinar redes de traballo para o fomento da nosa lingua”.
O servizos teñen tamén funcións de formación entre as que se atopan a planificación, a coordinación e a realización de cursos, a difusión de materiais para promover o uso do galego ou a colaboración no deseño de programas de formación a favor do galego.
Os obxectivos inclúen, ademais, contribuír á mellora da calidade lingüística e comunicativa da administración ou resolver dúbidas e normalizar a imaxe da institución con respecto á lingua.



