
O colectivo de pensionistas e xubilados da Confederación Intersindical Galega (CIG) sae novamente ás prazas e rúas das cidades galegas este xoves, 13 de abril, para esixir a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado ao final de ano e a recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións. Un obxectivo este para o que consideran que é precisa a derrogación das reformas das pensións, comezando pola de 2011 até a aprobada o mes pasado.
O colectivo denuncia que, coas segundas pensións máis baixas do Estado, son eles os máis castigados pola suba desbocada dos prezos dos produtos básicos, nomeadamente o dos alimentos. Ao mesmo tempo anuncia que aproveitarán esta convocatoria para recoller sinaturas da campaña que veñen desenvolvendo desde o pasado mes de febreiro en demanda da atención presencial en servizos como a banca, as administracións públicas ou a atención sanitaria, algo que ven sendo motivo de crítica por parte da xa amplísima familia de xubilados e pensionistas existente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Amáis das concentración previstas, vánse instalar mesas o vindeiro xoves, 20 de abril, en Vilagarcía e o 27 do mesmo mes, en Marín. E este xoves, 13, as concentración van levarse a cabo en Ferrol, ás 11,30 horas, diante do INSS, na rúa Catalunya; na Coruña, ás 11,00 horas, diante da Casa do Mar, con recollida de sinaturas; en Santiago, na praza do Toural, ás 11 horas; en Lugo, ás 10,30 horas, diante do edificio administrativo da Xunta (Ronda da Muralla); en Ourense, ás 11,30, no parque de San Lázaro, tamén con recollida de sinaturas; en Vigo, ás 11,00 horas, nas Travesas, e en Pontevedra, asimesmo ás 11,00 horas, diante do Hospital Provincial.
Segundo as estatísticas de pensións que manexa o INSS, as maiores concentracións de pensións de xubilación atópanse entre os 650 e os 900 euros ao mes. A porcentaxe de xubilados que cobran menos de 1.000 euros é 51,02%. No que atinxe ás pensións máis altas de España, os datos evidencian que o 19,09% das pensións de xubilación en España son de máis de 2.000 euros.
O 1 de abril de 2023 entrou en vigor a reforma das pensións deste ano, cun incremento das bases máximas de cotización mensuais que se irán incrementando dacordo co IOPC anual máis unha porcentaxe do 1,2% ata 2050. Introdúcese unha “cota de solidariedade” para os salarios máis altos que, en parte, non cotizan ao superar o límite máximo referido anteriormente. Esta cota adicional será do 1% en 2025 e se incrementará un 0,25% nos anos sucesivos ata chegar en 2045 ao 6%.
As pensións mínimas con cónxuxe a cargo subirán ata que poidan acadar o 60% da renda mediana dun fogar con dous adultos en 2027. As pensións no contributivas chegarán en 2027 ao 75% do umbral da pobreza dun fogar unipersonal.



