O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, acompañou este martes 11 de abril a unha trintena de escolares de 2º de Primaria do CEIP Arzúa na xornada organizada en Porto do Son pola campaña Ti si que es un bo peixe, promovida pola Consellería do Mar para concienciar aos máis pequenos sobre os beneficios que aporta consumir produtos da pesca e a acuicultura galegas.

Na súa estadía no Son, as nenas e nenos de Arzúa tiveron ocasión de coñecer a través deste obradoiro o oficio tradicional das redeiras ao visitar a nave dedicada a esta profesión no municipio da nosa comarca, así como outros traballos relacionados coa ría de Muros e Noia no Museo Marea.
Os estudantes tamén se achegaron ao porto e á lonxa locais para coñecer as distintas especies que capturan as embarcacións da zona e mesmo aprender datos curiosos sobre o medio mariño.
Segundo fixo saber o director xeral, “este tipo de iniciativas son fundamentais para concienciar á rapazada da importancia que ten o mar para Galicia así como inculcarlles os beneficios de introducir os produtos do mar na dieta para que sexa equilibrada”.
Este obxectivo puideron poñelo en práctica na merenda mariñeira que puxo fin á visita, con preparacións realizadas a base de peixe e na que os monitores realizaron unha pequena explicación sobre as súas propiedades nutricionais.




