O Concello de Rianxo está a acometer a renovación do peche perimetral do Colexio Brea Segade de Taragoña, entre outras melloras no centro educativo. Neste caso, o Goberno local adoptou un modelo novo de peche, con formigón que permite un repintado multicolor como neste caso. Trátase, segundo fontes do Concello, “dunha solución segura para o alumnado que, á vez, dá un aspecto alegre e renovado a todo o frontal precisamente pola gama de cores empregada”.
O Goberno local engade que nestes momentos esta fase está practicamente rematada, tal e como se aprecia na fotografía, onde podemos dar conta do uso dos devanditos materiais na parte fronte do colexio.

Esta actuación completarase durante a Semana Santa co reasfaltado dunha zona de xogo e do aparcadoiro do centro, eliminando bordes da beira e instalando tamén unha canalización de pluviais por medio dunha grella-sumidoiro.
Amais, realizouse unha limpeza da parte traseira para mellorar a zona de xogos e prevese tamén a instalación de elementos de xogos acordes á contorna natural
As actuacións realizadas están a correr a cargo integramente da Brigada de Obras do Concello que se implicou neste proxecto co que se “busca cambiar ao completo un peche degradado co paso dos anos”.
Cando remate estes días a fase restarán uns 50 metros onde xa se adoptará un modelo de peche máis tradicional que se prevé acometer antes do remate do curso.
Proxecto remodelación Patio Cuberto
Amais, con cargo ao plan único da Deputación sacarase á licitación pública o proxecto de remodelación do patio cuberto do Centro por 63.000 euros, proceso que quedou inconcluso pola negativa das empresas a realizalo e que se dota con 30.000 euros adicionais do Concello para chegar aos 93.000 euros “co que será máis atractivo nun novo concurso de licitación”, explicou o Concello.



