O TSXG recoñece a pensión de viuvez sen o límite da compensatoria a unha muller separada en 1986 ao considerar acreditado que foi vítima de violencia de xénero

31 Marzo 2023

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito a unha muller, separada en 1986 e divorciada en 1996, a cobrar a pensión de viuvez por ser vítima de violencia de xénero. O alto tribunal acolle, desta forma, o recurso presentado pola afectada contra unha sentenza emitida polo Xulgado do Social número 3 de Ourense que rexeitou a demanda que interpuxo contra o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Os maxistrados explican na resolución que o debate se centra en determinar se a muller ten dereito á contía íntegra da pensión de viuvez, sen a limitación da pensión compensatoria, por ser vítima de violencia de xénero ou, pola contra, non ten ese dereito porque non hai proba de que fose vítima de violencia de xénero, tal e como se declarou na sentenza de primeira instancia. Neste caso, segundo explica o TSXG na resolución, “a pensión compensatoria tense, pero por un importe ínfimo de 70 euros, e o que se pide é a pensión de viuvez íntegra por ser a demandante vítima de violencia de xénero”.

Os maxistrados salientan que o lexislador “non esixe que a condición de vítima de violencia de xénero estea acreditada a través de proba plena e mediante sentenza”, pois recalcan que “tamén lle valen medios concretos que non son expresivos da proba inequívoca de tal circunstancia, pois a norma fala de calquera outro medio de proba admitido en Dereito”.

Desta forma, inciden en que, segundo a doutrina xurisprudencial, para aplicar a nova reforma da Lei Xeral da Seguridade Social, para os efectos da concesión das pensións de viuvez como a solicitada, “non é necesario que exista unha sentenza na que se conteña unha condena por delito de violencia de xénero, porque a norma permite que, na súa ausencia, esa situación se poña de manifesto a través da orde de protección ditada ao seu favor ou dun informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia de xénero, ‘así como por calquera outro medio de proba admitido en dereito’”.

“No caso de autos, entendemos que quedou probado que a recorrente foi vítima de violencia de xénero de forma, ademais, reiterada, e non hai dúbida de que o foi ao tempo da separación, tal como esixe a norma, co cal se dan todos os requisitos legalmente esixidos”, conclúe o alto tribunal galego no fallo, no que indica que, “aínda que é certo que a sentenza de separación soamente fala de ‘graves e reiteradas desavinzas conxugais’, con todo, dun pormenorizado exame da proba que se practicou no momento da separación, obsérvase que a demandante foi obxecto de malos tratos físicos e tamén de inxurias e humillacións, sendo vista con ‘os beizos rotos’ e con ‘a cara con hematomas’, dándose tamén un actuar violento por parte do aquí causante, falecido en 2020, que lle levou a destruír obxectos e mobles da vivenda, presenciando algún veciño os malos tratos físicos causados á recorrente”.

O TSXG sinala que esas testificais non foron contrastadas actualmente, pero destaca que “non se pode obviar o feito de que se trata de declaracións prestadas no ano 1986, é dicir, hai máis de 35 anos, falecendo catro das cinco testemuñas, e que a única testemuña que aínda vive ten a avanzada idade de 89 anos e padece de patoloxías que lle impiden testificar”. Ademais, engade que, en relación a supostos de separación ou divorcio anteriores á Lei Orgánica 1/2004, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, o Tribunal Supremo levou a cabo “unha flexibilización sobre o medio de acreditación da violencia de xénero” e, para casos de inexistencia dunha sentenza condenatoria, entende que “se pode acudir a calquera medio de proba admitido en dereito”, á vez que subliña que, “na realidade social de 1986”, as manifestacións da demandante “constitúen un importante indicio de que estaba a ser violentada polo seu esposo”.

Así, lembra que a Sala do Social do Supremo, nunha sentenza do 20 de xaneiro de 2016, estableceu que, en supostos de separación ou divorcio anteriores á Lei Orgánica 1/2004, “a existencia de denuncias por actos constitutivos de violencia de xénero constitúe un serio indicio de que a mesma existiu”, con todo, especifica que iso non supón “que esteamos ante un medio de proba plena, senón que ha de contextualizarse co resto da crónica xudicial do acaecido”. E, no presente suposto, segundo o TSXG, “das abundantes e reiteradas situacións de violencia constatadas no momento da separación -ano 1986-, cabe concluír que concorren todos os requisitos para que proceda o recoñecemento da prestación solicitada”. Os maxistrados recalcan que quedou acreditada “a existencia de violencia exercida sobre a demandante, tanto física como psíquica, e que concorreu no momento da separación”. Ademais, sinalan que o relato de feitos probados “cobre suficientemente esta dimensión de carácter cronolóxico, pois días ou meses antes da separación producíronse diversos actos de violencia e de vexación”. Contra o fallo do TSXG cabe presentar recurso de casación.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.