Este 16 de marxo, o xefe de cociña do espazo gastronómico Gastrolab Arousa, Miguel Mosteiro, visitou as instalacións da Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional en Ribeira para dar unha charla sobre a súa experiencia profesional. A actividade enmarcouse na formación en Industrias Alimentarias que se está a impartir no Centro de Recursos da Asociación Ambar, unha acción formativa financiada pola Fundación ONCE, e polo Fondo Social Europeo, o FSE inviste no teu futuro.

O acto dividiuse en tres partes: presentación, rolda de preguntas e un café con charla informal. Na súa presentación, Miguel Mosteiro falou sobre os seus inicios na gastronomía. “Eu empecei facendo panadaría e repostería” comentou Miguel. Comezou dende moi cativo traballando no forno da súa familia en Cambados. Tamén fixo un percorrido pola súa longa traxectoria no mundo da cociña, salientou a importancia de apostar pola formación e afondou en todas as actividades que se levan a cabo a través de Gastrolab Arousa, como por exemplo acción promocionais, de consultoría, de I+D, de formación, de catering ou de participación en festas gastronómicas.

Á xornada asistiu o alumnado da formación sobre industria. A través desta acción trátase “de promover a sustentabilidade e a calidade no emprego, favorecer a mobilidade laboral, así como reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas novas e non integradas nos sistemas de educación ou formación”, informaron fontes de Ambar.
Tamén estiveron presentes Helena Teira, coordinadora xeral; Jaime Capilla, coordinador da formación; Daniel Tojo, orientador laboral; Irene Paz, mestra da formación e Alicia Romero, secretaria da Asociación Ambar.
Esta é a 1ª xornada dun ciclo de conferencias con profesionais con experiencia na industria alimentaria que terá continuinade nas vindeiras semanas.
Máis información en empregoinclusivo@asociacionambar.org.




