A Asociación de Empresarios de Ribeira emitiu un comunicado no que amosa a súa preocupación polas “consecuencias dunha mala elección de festivo local”, en referencia ao Martes de Entroido na cidade, que dun tempo a esta parte pasou a ser día laboral. Segundo explica a patronal, “estes días puidemos constatar a gran afluencia de público nos actos e celebracións do entroido nos municipios limítrofes onde algún dos días de Entroido é festivo, mentres Ribeira languidece coas rúas e a hostalería desertas”.
E prosegue o comunicado: “Os habitantes da nosa cidade traballan ao non ser festivo o martes, e por tanto non saen e os que o fan desprázanse aos concellos veciños onde como consecuencia de ser festivo hai máis ambiente e unha maior oferta de actos lúdicos”. A Asociación de Empresarios tamén aproveita para pedir aos representantes políticos locais que “reflexionen e que para o próximo ano teñan en conta estas apreciacións para a elección dos festivos e valoren o comunicado que no seu día achegamos á Corporación municipal e no que sinalamos que non se pode primar un festivo en véspera doutro festivo nun mes de gran afluencia turística a conta do martes de Entroido, o que deriva nun grave prexuízo para a nosa cidade en todos os aspectos, comercial, hostaleiro e festivo”.



