O Viveiro de Empresas de Ribeira incorporou este mes de febreiro unha nova firma emprendedora. Trátase de Deporvida Nutrición, que, entre outros servizos, adícase a elaboración de material e planificacións nutricionais individualizadas para acadar obxectivos en mellora de composición corporal, rendemento deportivo, patoloxías dixestivas e endocrinas, educación nutricional e alimentación vexetariana.

Con estas son catro as empresas que actualmente están implantadas nas instalacións municipais situadas en Fafián e que teñen por obxecto axudar e asesorar a aquelas persoas emprendedoras á hora de lanzar e consolidar un negocio. Así, ademais de Deporvida Nutrición radícanse no Viveiro o Centro Tecnolóxica do Barbanza, Psico Balance e Álvarez Psicólogos.
Por outra parte, o Concello destaca que unha das últimas entidades emprendedoras que comezaron a súa traxectoria no Viveiro (fíxoo en xaneiro do ano pasado) concluíu a súa etapa no mesmo e agora prosegue a súa actividade empresarial cun local no centro da cidade. Concretamente, a academia de idiomas UpsKill English vén de cambiar a súa sede á praza Pablo Neruda, a moi poucos metros da Casa Consistorial.
Entre as vantaxes que o Concello pon ao dispor das e dos emprendedores locais a través deste servizo atópanse as seguintes: prezos accesíbeis e un servizo permanente de formación e asesoramento. Aqueles que sintan interese poden poñerse en contacto co devandito Servizo de Orientación Laboral a través do teléfono 981 871 497 ou ben acudindo presencialmente ao Viveiro.
Dende a súa apertura xa pasaron novos profesionais pertencentes a sectores como a consultoría, os idiomas, a imaxe e son, a xestión deportiva, a nutrición, a tecnoloxía ou a mercadotecnia dixital.



