A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais na parroquia de Santa Mariña de Esteiro, no concello de Muros.
Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco no marco das inspeccións rutineiras nas redes fluviais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
O foco localizado nesta parroquia tiña orixe nas achegas dun edificio cara á rede de augas pluviais municipal.
O persoal da Xunta solicitou ao Concello un plan de actuacións para eliminar as achegas contaminantes, procedendo a administración local á conexión das achegas cara á rede de saneamento municipal.
Os técnicos da Xunta realizaron recentemente unha nova inspección á zona, verificando que as actuación realizadas permitiron a emenda do vertido.




