O PSOE de Ribeira, a través do concelleiro José Manuel Suárez-Puerta Sirgado, presentou unha proposta para ser debatida en pleno da Corporación relativa ao Camiño de Pozos, na parroquia de Corrubedo, que discorre entre a rúa das Delicias e a rúa de Bos Aires. A agrupación di reflectir as peticións da veciñanza de Corrubedo, que solicitan a urbanización da dita travesía.

“Trátase dun camiño polo que transitan gran cantidade de veciños e visitantes no verán co
fin de acceder ás praias e cun considerábel uso o resto do ano”, explica a agrupación socialista, poñendo o foco nas vantaxes que carrexaría para veciños e visitantes a urbanización desta travesía (con beirarrúas e calzada ao mesmo nivel, condución de pluviais, imbornais e puntos de luz precisos), que xa está dotada na actualidade de instalación do saneamento e un punto de luz.
Os socialistas consideran “necesario necesario a reconsideración do trafico rodado, unha vez realizada a obra, e previa consulta cos veciños afectados a fin de conseguir un acordo que permita a pacifica convivencia de residentes, peóns e vehículos”.

Na súa proposta, fan un chamamento para que os técnicos municipais realicen un proxecto de urbanización do camiño, para que se aprobe a inclusión deste proxecto na listaxe de obras a realizar no seguinte exercicio e para que se dote orzamentariamente para a súa realización.



