Co comezo do novo ano a xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, facía balance da xestión desenvolvida no ano 2022, no que a sociedade estatal, dependente do Ministerio de Transportes, volveu a obter uns resultados históricos, coa adxudicación de máis de 100.000 metros cadrados, amais do esgotamento do chan dispoñíbel no parque empresarial de Rianxo e o avance no desenvolvemento de futuras áreas en Cuntis, en Leixa, en Ferrol ou na Guarda-O Rosal.

Así, nos distintos proxectos empresariais presentados estímase, a medio e longo prazo, a creación de preto de 700 postos de emprego. Un dato a salientar segundo Beatriz Sestayo, ao tratarse de municipios que, na maioría, contan cunha poboación inferior aos 15.000 habitantes, polo que as novas empresas que se instalarán contribuirán ao asentamento de poboación. Durante 2022 as adxudicacións de SEA acadaron os 100.441,56 metros cadrados, o que supón un valor en chan de 7 millóns de euros, con preto de 20 novas empresas atraídas ás súas áreas empresariais.
Asemade, o ano 2022 supuxo un fito na historia de SEA, ao esgotar o espazo dispoñíbel no Parque Empresarial de Te en Rianxo, que pasou do 20% ao 100% en tres anos, e ao que se logrou atraer a compañías fundamentais na industria galega como Conservas Rianxeira e Stolt Sea Farm, que se unen a Conservas Cerqueira, que inaugurará as súas novas instalacións o 2023. Durante o pasado ano adxudicáronse parcelas, ademais de en Rianxo, en áreas tan importantes como Muros e Mondoñedo, nas que se rexistraba menor actividade. En resumo, a xeración de emprego, segundo os datos facilitados polas distintas compañías nas súas propostas de adxudicación, achégase aos 700 postos de traballo, a medio e longo prazo, o que, segundo manifestou Beatriz Sestayo, repercutirá de maneira definitiva no desenvolvemento económico e a dinamización das comarcas nas que se asenta SEA.



