O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso no que uns pais reclamaban unha indemnización de 125.000 euros ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) por “deficiente funcionamento dos seus servizos durante a asistencia prestada no Hospital do Barbanza durante o parto do seu fillo”. Segundo ditaminou o TSXG, “ningunha proba obra nas actuacións sobre a que poder sustentar a pretensión indemnizadora da parte recorrente”, indican os maxistrados na sentenza, na que inciden en que “non hai visos dunha asistencia inadecuada, insuficiente ou incorrecta ao parto”, tal e como aseveraron e corroboraron os facultativos, segundo o TSXG, entre os que enumera ao xefe do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do CHUS, así como unha perito xudicial, “todos eles especialistas en Obstetricia e Xinecoloxía”.

“O control do embarazo foi acorde aos protocolos establecidos, tanto no período inicial do parto como no expulsivo. A utilización da ventosa e posterior emprego do fórceps de Simpson como instrumentos de extracción do feto foron axustados á situación exposta en cada momento e conformes á lex artis”, afirma a sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG na resolución, na que salienta que o fórceps era “a solución máis correcta á vista da presentación fetal naquel instante e ao obxecto de evitar unha manobra de rotación da cabeza do feto”. O alto tribunal galego recalca que “ningunha contraindicación existía, ao comezo do parto, para a utilización da ventosa, pois este instrumento, do mesmo xeito que o fórceps, era unha opción correcta e axustada”.
Os xuíces indican que dos informes emitidos polo facultativos respecto ao nado “se infire que todos coinciden en sinalar que as lesións obstetricias, por óptimo que sexa o manexo do instrumental, non sempre son evitables”, así como en que “non houbo mala praxe; que no diagnóstico das fracturas cranial e da clavícula non houbo atraso e, que, en todo caso, a súa corrección resultou plenamente satisfactoria e sen secuelas de ningún tipo”.
A fractura da clavícula do bebé, segundo a sentenza, “foi desprazada asintomática e consolidouse de forma natural e sen secuelas, o que vén indicar o innecesario da radiografía, xa que a súa realización en nada modificaría a terapia a utilizar”. Os xuíces subliñan que “a exploración neurolóxica resultou normal e a mobilidade dos membros inferiores sen limitación”.
Ademais, indican que as lesións que a recorrente di sufrir por mor da episiotomía “non só son complicacións frecuentes tras un parto vaxinal, senón que foron corrixidas satisfactoriamente mediante as medidas terapéuticas habituais”. Os maxistrados afirman que “non se acreditou que o medo, nin o estrés, nin a indefensión ou gran humillación que a parturiente di que sufrira durante o parto e sobre os que trata de sustentar o seu trastorno ansioso depresivo, traian causa da asistencia recibida”.
En canto á ausencia de consentimento informado denunciado, no que afecta á variación da técnica empregada para a extracción do feto, “con clara alusión á utilización, primeiro, de ventosa e, posteriormente, de fórceps”, a sala destaca que non lle correspondía á recorrente “a elección da técnica instrumental a empregar, senón ao médico especialista en obstetricia”. Así, manifesta que “a consecutiva utilización dese instrumental viño imposta polas circunstancias do momento no curso do parto e ao obxecto de evitar ou non prolongar o sufrimento fetal”. En todo caso, segundo o fallo, “obra nas actuacións o documento acreditativo do consentimento prestado pola recorrente no que se lle informaba de todas estas posibilidades, sen esquecer a información verbal por ela recibida respecto diso”.
Por todo iso, o TSXG rexeitou o recurso e confirmou a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela.



