O Banco do Piñeiro que Carlos Seoane deseñou para o miradoiro de Pedra da Ra figura entre os proxectos seleccionados para participar na XII Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo, que se desenvolverá a finais de setembro en Cidade de México.

A intervención realizada no municipio, no monte da Cidá, é un dos 84 proxectos que resultaron finalistas de entre 834 propostas. Figura na categoría Obras con outras actuacións realizadas en Colombia, España, Arxentina, Venezuela, Brasil, México, Perú, Ecuador, Chile, Cuba e Paraguai.
A acción deseñada por Carlos Seoane consistiu na creación dun camiño accesíbel acompañado dunha varanda para axudar a que as persoas con algunha minusvalía puideran disfrutar deste privilexiado entorno con vistas ao parque natural de Corrubedo.
Cómpre lembrar que O Banco do Piñeiro xa resultou gañador na XV Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo, ademais de ser seleccionada como finalista nos 63º Premios FAD de Arquitectura e Urbanismo.
Pódense consultar os proxectos seleccionados como finalistas da BIAU na súa web, en formato PDF.



