O colectivo de veciños e veciñas afectados pola baixa do médico de Palmeira insta ao alcalde a resolver a situación do Centro de Saúde

07 Xullo 2022

O colectivo de veciños e veciñas afectados pola falla do médico no Centro de Saúde de Palmeira acusan ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, de incumpir o compromiso público asumido o pasado luns na xuntanza de usuarios que tivo lugar na Casa do Mar, durante a que un membro do seu goberno, María Sampedro, Primeira Tenente de Alcalde, asegurou que a baixa do facultativo sería resolta nos próximos días.

Os veciños e veciñas, que levan semanas mobilizándose, lamentan que, máis unha vez, o alcalde practique a política de “balóns fóra” e non só delegue en terceiras persoas a súa presenza nas reunións, senón que, ademais, traslade unha información e asuma a adopción de medidas que logo non leva á práctica, alén dos “grandes titulares” en prensa.

Este colectivo lembra que xa logo da primeira reunión de veciños e veciñas, que tivo lugar o pasado 22 de xuño, se puxeron en contacto co concello para pedir unha reunión con Ruiz, para que mediara e presionara á Xunta para que Palmeira volva contar cun médico no seu Centro.

Para os usuarios e usuarias afectados, “a calada por resposta” recibida polo alcalde déixaoos desamparados institucionalmente, xa que o alcalde é a figura política máis próxima aos cidadáns e cidadás, e demostra o seu talante “arrogante” e o desprezo que sinte e practica especialmente cos temas que afectan ás parroquias do concello.

Os veciños e veciñas lembran que non hai motivos que xustifiquen a demora ou peche do Centro –como aconteceu cos casos de Taragoña e Cabo de Cruz-, pois hai un número de cartillas suficiente, mais non é de recibo que un mes e medio despois da baixa do médico titular, que previsiblemente será longo, non haxa xa outra persoa atendendo aos doentes.

A situación de Palmeira súmase á crise xeral da Atención Primaria, polo que este colectivo se sumou á recollida de firmas da Plataforma da Sanidade do Barbanza para facer máis forza, ante a gravidade do asunto do que se trata, “pois a sanidade e a calidade da súa atención é algo co que non se pode xogar”.

Os veciños e veciñas de Palmeira -que hoxe estiveron no Parlamento de Galicia convidados polo grupo do BNG-, alén de participar na próxima manifestación de SOS Sanidade Pública, continuarán coas súas propias accións reivindicativas ata que este Centro de Saúde volva contar cun facultativo, tal e como se comprometeu o goberno municipal o pasado luns.

Outros artigos

A cestaría marca o inicio dos obradoiros de artesanía na Pobra

Cestaría, macramé, cerámica, madeira e xabóns son os obradoiros de artesanía Feito coas túas mans que se imparten na Pobra do Caramiñal dende a Concellaría da Participación Veciñal na determinación de "seguir dinamizando o rural levando actividades aos centros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“25 abril III. Santarém”. Manuel Dominguez

“25 abril III. Santarém”. Manuel Dominguez

Saímos de Lisboa e rumamos para o berço, a fonte, onde o destino fez chegar aqui onde a memória está presente. “Meus senhores, como todos sabemos, existem diferentes tipos de Estado. Os estados socialistas, os estados capitalistas e o estado a que nos referimos....