Os parlamentarios socialistas Noa Díaz Varela, Julio Torrado Quintela e Marina Ortega Otero, deputadas e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentaron este 30 de xuño unha pregunta relativa ao Hospital da Barbanza na que poñen o foco na “precariedade laboral que leva sufrindo este complexo”, unha situación que, segundo sinalan, faise insostíbel e afecta á calidade asistencia do servizo.

Os deputados din reflectir as queixas do persoal facultativo especialista, que “reclaman a cobertura inmediata e axeitada das diversas incidencias laborais que se presentan neste centro, así como o correcto dimensionamento do cadro de persoal”. En concreto, os socialistas din que existe “un déficit de persoal para gardas de presenza, localizadas e segundas localizadas, con servizos nos que o número de facultativos é inferior ao necesario para cumprir a normativa de 48 horas semanais”.
Tamén critican a existencia de “persoal especialista con praza fixa ou interinos nese centro que están a traballar no CHUS sen que a súa vacante sexa cuberta” ou “que en tres anos o número de internistas do hospital pasase de 14 a 7”.
Diante” desta situación”, o Grupo Socialista entende e fai súas as demandas dos e das profesionais do Hospital da Barbanza acerca “dun correcto dimensionamento” do seu cadro de persoal e “da necesaria protocolarización da organización das horas de traballo”.
Por iso, as deputadas e o deputado que asinan, formulan as seguintes preguntas:
1a) Considera a Xunta de Galicia que o cadro de persoal do Hospital do Barbanza está correctamente dimensionado?
2a) Como valora a carga de traballo que está a asumir o persoal facultativo especialista dese hospital?
3a) Como valora que un facultativo dun servizo teña que realizar 15 gardas ao mes debido á falla de persoal no servizo?
4a) Considera a Xunta de Galicia que o persoal facultativo do hospital da Barbanza debe gozar do seu período de vacacións?
5a) Cre que se está a ofrecer unha axeitada calidade asistencial cando as baixas do persoal se cobren de maneira precaria e intermitente con persoal do CHUS?
6a) Como valora que os e as profesionais de medicina interna no Hospital da Barbanza atendan algúns días a 20 doentes cando a ratio recomendada é de 8?
7a) Como valora que nos servizos unipersoais non se cubran as baixas deixando así sen atención esa especialidade?



