A travesía náutica xacobea ‘Navega o Camiño’ chega a Muros

16 Xuño 2021


Muros acolleu aos participantes na travesía náutica xacobea ‘Navega ou Camiño’, que percorre a costa galega desde Ribadeo ata o río Ulla.

Na vila muradana foron recibidos pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou a importancia desta iniciativa na promoción do sistema portuario autonómico e enxalzou o papel do Xacobeo 21-22 de cara á reactivación do turismo náutico e a difusión do Camiño por mar. A directora de Turismo agradeceu neste sentido o traballo conxunto das entidades organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Marinas de Galicia- na difusión de Galicia como destino seguro, con carácter diferenciado e lonxe das masificacións doutras zonas litorais.

Tamén amosou o apoio da Xunta a esta travesía, pois supón un impulso á desestacionalización do turismo náutico ao promover a navegación no interior das rías, “que polo carácter calmado das súas augas permiten a navegación todo o ano”. Neste sentido, subliñou a importancia de trasladar esta idea aos navegantes de toda Europa, finalidade coa que a Xunta engadiu á travesía un barco oficial no que viaxan xornalistas especializados en turismo de medios de diversos países.

Ademais, a directora de Turismo de Galicia lembrou que esta edición reivindica o papel da muller na práctica náutica. Con este obxectivo, a campioa olímpica Ángela Pumariega patronea unha das embarcacións da organización cunha tripulación composta maioritariamente por mulleres.

A travesía náutica xacobea Navega o Camiño (Sail the way) continuará o seu itinerario este xoves coa etapa entre Muros e Cabo de Cruz. Previa á súa chegada ao porto boirense, a expedición recalará no peirao de Portosín, onde confluirá cos barcos que están a realizar a ruta sur desde o porto de Baiona como reclamo do conxunto do sistema náutico galego.

Outros artigos

Ambar mobilízase na comarca do Barbanza polo 25N

No Concello de Boiro Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a asociación inclusiva da nosa comarca Ambar desenvolveu unha ampla axenda de actividades na comarca do Barbanza co obxectivo de sensibilizar á cidadanía, previr as...

+

Muros ergue a voz contra a violencia machista

Na mañá de hoxe, a veciñanza, o Concello, a Corporación Municipal e o tecido asociativo de Muros volveron erguer a voz contra a violencia machista cunha concentración con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Fixérono no...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión