O BNG pedirá no Parlamento sacar o L’Etel do fondo do porto de Ribeira

08 Xuño 2021

O BNG confirmou que vai solicitar no Parlamento sacar o buque L’Etel do fondo do porto de Ribeira. Trátase dun barco que chegou á localidade en 2009 e que ficou amarrado durante máis ou menos unha década até o pasado 2020, ano no que foi a pique na propia dársena por mor dun temporal.

Os nacionalistas lembran que “despois de sufrir un incendio no 2012 e de que se reclamase a súa retirada do porto en innumerábeis ocasións, a día de hoxe a localización do palangreiro, de 35 metros de eslora, está apenas sinalizada cunha simple boia e unhas barreiras de anticontaminación que non serven de nada”.

Segundo engaden, Portos “non tivo capacidade para declarar o barco en abandono ata o 2018”.

Para a deputada nacionalista, Rosana Pérez, este feito “mostra o desleixo de Portos para resolver un problema que ao longo dos últimos 12 anos vén representando un perigo para o tráfico no porto de Ribeira, ocupando un espazo necesario para o traballo da frota profesional que alí amarra e supoñendo unha permanente contaminación”.

Segundo Pérez Fernández, despois de todo ese tempo, os trámites para refrotar o buque e retiralo do peirao comezaron aínda a primeiros deste ano, publicándose o anuncio para a contratación dos servizos o 25 de xaneiro, por un importe de 482.366 euros.

Desde o BNG ribeirense tamén van pedir ao Concello de Ribeira que inste a Portos e á Consellaría do Mar a “actuar canto ante unha situación que é incomprensíbel e na que se ve o desleixo para manter en boas condicións as infraestruturas portuarias”. Os nacionalistas recriminan que “a día de hoxe, ano e medio despois do afundimento e cinco meses despois da publicación do anuncio para o refrotamento do barco, siga sen haber ningunha noticia da adxudicación dos traballos e da súa retirada definitiva do porto de Ribeira”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...