Axóuxere presenta as súas novidades na casa: na Feira do Libro de Rianxo

26 Xullo 2019

20190726 Comezou este 25 de xullo a Feira do Libro de Rianxo e todo apunta a que será un dos grandes acontecementos editoriais da tempada en materia de actividades e novidades. Pola feira, que ficará aberta na vila (na praza de Castelao, en horario de 10.00 a 14.00 e de 18.30 a 22.30) até o domingo 28, pasarán importantes editoriais, librarías, escritoras e escritores da nosa terra, algúns/algunhas con Rianxo como centro de operacións. É o caso do selo Axóuxere, que presentará algunhas das súas máis recentes novidades.

Máis en detalle, Axóuxere dará a coñecer Na defensa dos animais de Óscar Horta e máis Vir a menos. Crítica da razón nihilista, de Brais Arriba. O primeiro libro será presentado o sábado ás 20.30 horas, contándose coa presenza do autor e máis de Rafa Xaneiro (editor). A quenda do segundo será o mesmo día ás 21.30 horas, estando prevista a participación do autor e máis de Roberto Abuín (editor).

Na defensa dos animais

Tirada do prelo a pasada primavera, Na defensa dos animais é unha obra do filósofo e experto en ética animal da USC Oscar Horta. Trátase, en palabras de Axóuxere, “dun libro moi interesante arredor da cuestión animal, do especismo, e da relación que como sociedade e como individuos mantemos cos animais non humanos”. É ademais unha obra oportuna, no sentido de ser fonte e orixe de preguntas e reflexións “nun momento no que a conciencia social sobre este tema está a emerxer con forza”.

Vir a menos

Vir a menos. Crítica da razón nihilista, do filósofo ourensán Brais González Arribas é unha obra que partindo dunha relectura do nihilismo clásico, reformúlao dun novo xeito e “conforma unha vía de pensamento que, transitando desde a ontoloxía até a economía, abre camiño para confrontar o exceso da razón hexemónica”. Ou sexa, a teima de enxalzar o desenvolvemento e a importancia do home por enriba de todas as cousas, unha teima que segue a coller novos azos grazas á suba do neoliberalismo. O libro leva un prólogo de Teresa Moure.

A contribución de Galaxia

Outra das editoriais que participará actividade na Feira do Libro de Rianxo será Galaxia, que presentará (con concerto incluído do autor) o libro-disco de Xoán Curiel no que homenaxea a Antón Fraguas e o seu legado, Canta, Miña Pedra, Canta. Será o domingo 28 ás 19.00 horas. Por outra banda, Galaxia tamén dará a coñecer o libro Fina, A Pirata, da escritora Helena Villar Janeiro, afincada en Rianxo, e da ilustradora Eulalia Agreso. Será o xoves 25 ás 21.00 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.