A rapazada volveu ser a encargada de premer o botón no Malecón nunha xornada marcada polas sinerxías co Black Friday, degustacións gastronómicas e animación na rúa.

As rúas de Ribeira xa viven de cheo o espírito do Nadal tras o tradicional acto de acendido da iluminación festiva e a inauguración do belén municipal, celebrados este venres, 27 de novembro, coincidindo coa xornada comercial do Black Friday. Un ano máis, os nenos e nenas da localidade foron os protagonistas ao encargarse de premer o botón que ilumina as noites invernais de todo o termo municipal.
Baixo a cúpula luminosa instalada no Malecón, a alcaldesa, María Sampedro, puxo en valor a aposta por unir o arranque da campaña do Nadal co Black Friday para “dinamizar social e economicamente a nosa cidade”. A rexedora destacou ademais que, nesta ocasión, o alumeado chega de xeito simultáneo a todos os puntos do territorio ribeirense: “Se xa podemos presumir de que vivimos no lugar máis bonito do mundo, con esta decoración aínda máis. A maxia e a ledicia chegan a cada recuncho. O mellor agasallo por estas datas é ver a cara de ilusión de tódolos nosos veciños”, afirmou.
Tras o acendido oficial, a comitiva e o público congregado desprazáronse ata a praza de Porta do Sol para descubrir o nacemento municipal. A apertura do belén estivo acompañada dunha chocolatada con churros e dunha degustación de petiscos do mar ofrecida pola foodtruck da campaña Galicia Sabe AMar. A dinamización do centro urbano completouse co espectáculo itinerante O séquito branco do Carteiro Real, a cargo de Troula Animación, e coa música da Charanga BB+.

Máis de 450 puntos de luz por todo o municipio
Para esta campaña, o Concello instalou máis de 450 elementos luminosos —entre os que se inclúen arcos, árbores cónicas, motivos laterais, photocalls luminosos e figuras volumétricas— repartidos tanto polo centro urbano coma polas distintas parroquias. Con este incremento da decoración respecto a edicións anteriores, o goberno local busca embelecer as rúas, fomentar o ambiente festivo e impulsar a actividade económica do pequeno comercio e da hostalaría como sectores estratéxicos da vila.
O subministro, instalación e mantemento de toda esta infraestrutura foi adxudicado o pasado mes de outubro á empresa Iluminaciones Santiaguesas S.L. por un importe de 217.800 euros anuais (IVE incluído). O contrato abrangue dúas anualidades (períodos 2026-2027 e 2027-2028), con posibilidade de prórroga por outras dúas máis nas mesmas condicións.






