Os asaltantes lograron fuxir co botín antes da chegada da Garda Civil malia saltaren os sistemas de alarma e videovixilancia na planta alta do inmoble estradense.
O pazo de Oca, situado no municipio pontevedrés da Estrada, foi escenario dun roubo perpetrado durante a madrugada deste xoves no que se subtraeron diversas pezas de prata do século XVIII e varios trofeos de gran valor histórico.
Segundo denunciou a Fundación Casa Ducal de Medinaceli, propietaria do histórico complexo, os asaltantes accederon ao interior do inmoble durante a noite e foron detectados polos sistemas de alarma e videovixilancia no momento en que entraron na planta alta do edificio. Porén, malia activárense os avisos de seguridade, os ladróns tiveron tempo suficiente para apoderarse dos obxectos e abandonar o lugar antes da chegada dos axentes da Garda Civil.

Un botín ligado á historia familiar do pazo
Entre os bens desaparecidos atópanse pezas estreitamente vinculadas á memoria das distintas xeracións que habitaron a fortaleza. O elemento máis destacado do botín é un xogo de dez candeeiros de prata do século XVIII que os condes de Ribadavia doaran no seu día á capela de San Antonio de Padua do propio pazo.
Xunto a estes candeeiros, os delincuentes levaron tamén un aguamanil da mesma época que se atopaba custodiado no oratorio alto. A lista de obxectos subtraídos complétase con diversos trofeos persoais de alto valor sentimental e histórico para a familia: varios galardóns de campionatos de bridge gañados pola décimo oitava duquesa de Medinaceli e distintos trofeos de caza pertencentes ao marqués de Camarasa.
Desde a Fundación Medinaceli lamentaron profundamente a perda destas pezas que, máis alá da súa taxación económica, forman parte esencial do patrimonio e da historia do pazo de Oca, polo que confían en que a investigación aberta pola Garda Civil permita localizar os responsables e recuperar o material roubado.






