O municipio celebrou unha xornada polo 25N que incluíu unha ofrenda floral na praza da Igualdade, a representación teatral da peza ‘O Molde’ e a entrega dos premios do VI Certame de Debuxos escolar.

O Concello de Padrón conmemorou este venres o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha completa xornada de sensibilización e reivindicación na que participaron a veciñanza, a comunidade educativa e o tecido asociativo local.
Os actos comezaron na praza da Igualdade cunha emotiva homenaxe ás vítimas, onde veciños e veciñas, membros do goberno local e persoal do Centro de Información á Muller (CIM) Terras de Iria depositaron unha flor en lembranza de cada unha das mulleres asasinadas pola violencia machista ao longo deste ano.
A programación trasladouse despois ao Auditorio Municipal, que acolleu a posta en escena de O Molde, unha obra escrita por Ramón Torrente García e interpretada por integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Carballeira. A peza, da que se extraeu un fragmento para o vídeo institucional do 25N publicado polo Concello, abordou a través de escenas simbólicas os mandatos de xénero impostos desde a infancia, os mitos do amor romántico e as diversas formas de control, trazando un percorrido desde a submisión ata a toma de conciencia, a sororidade e a liberdade das mulleres para decidir sobre as súas propias vidas.

Manifesto institucional e rexeitamento aos discursos negacionistas
Durante o acto central no auditorio, a concelleira de Servizos Sociais, Mariló Saco, deu lectura ao manifesto institucional, no que reafirmou o firme compromiso da administración local coa igualdade e coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres. “A igualdade non é unha opción nin unha concesión: é un dereito fundamental”, subliñou a edil, lembrando a obriga das institucións de previr, protexer e acompañar ás vítimas.
O texto fixo tamén un chamamento directo á implicación activa das familias, dos centros de ensino e das asociacións, rexeitando frontalmente os discursos que negan ou minimizan esta lacra social. “Non aceptamos que se culpabilice ás vítimas. Non aceptamos que se cuestione a súa palabra. Contra a violencia machista, tolerancia cero”, sentenciou Saco Vigo.
A xornada conmemorativa pechouse coa entrega dos galardóns do VI Certame de Debuxos organizado polo CIM Terras de Iria, unha iniciativa dirixida ao alumnado de educación primaria na que participaron escolares dos colexios Flavia e Rosalía de Castro. De xeito paralelo, os escaparates de diversos establecementos comerciais da vila acolleron unha exposición cos traballos realizados polos nenos e nenas, trasladando así ás rúas de Padrón a mensaxe de reflexión e compromiso coa igualdade.






