A exposición ‘Voces do Pacífico’ despídese este domingo do Gaiás tras sumar preto de 30.000 visitas

28 Novembro 2026

A mostra, que achegou por primeira vez a Galicia máis de 200 pezas de Oceanía procedentes do British Museum, poderá verse por última vez esta fin de semana con entrada de balde.

A exposición Voces do Pacífico. Innovación e tradición pechará definitivamente as súas portas este domingo, 29 de novembro, no Museo Centro Gaiás de Santiago de Compostela, logo de recibir arredor de 30.000 visitantes desde a súa inauguración. A mostra, que reúne máis de 200 pezas históricas e contemporáneas procedentes da colección do British Museum, permitiu achegar por primeira vez a Galicia unha selección dos fondos de arte e cultura de Oceanía da institución británica.

Ademais do éxito de público xeral, o proxecto rematará a súa estadía na Cidade da Cultura con máis de 3.000 persoas participantes no seu programa de visitas comentadas e didácticas, dirixidas tanto a centros escolares como ao público xeral. De xeito paralelo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsou diversas actividades complementarias para afondar na diversidade cultural da rexión, entre as que destacaron un espectáculo de danza tahitiana e unha degustación gastronómica inspirada no Pacífico.

Comisariada por Julie Adams, conservadora de Oceanía do British Museum, a exposición supuxo o primeiro acordo directo entre a Xunta de Galicia e o museo londiniense. A súa recalada en Compostela, que contou coa colaboración da Fundación ”la Caixa”, produciuse tras o seu paso por Madrid e Barcelona, contribuíndo a reforzar a proxección internacional do complexo do Gaiás na antesala do Xacobeo 2027.

Sete ámbitos entre a tradición e os retos climáticos

O percorrido expositivo permitiu descubrir obxectos con séculos de historia —como máscaras rituais, esculturas vinculadas á vida e á morte, armas cerimoniais ou maquetas de embarcacións— xunto a creacións contemporáneas de artistas oceánicos que reinterpretan as súas tradicións ancestrais.

Artellada en sete ámbitos temáticos, a mostra explora manifestacións artísticas e culturais que abranguen desde o tecido, a danza e a talla ata as tecnoloxías de navegación, poñendo o foco na capacidade de innovación e resiliencia destas comunidades ao longo de milenios. Así mesmo, a proposta conecta este patrimonio cos desafíos globais actuais, poñendo especial énfase no cambio climático e na ameaza que supón a subida do nivel do mar para a supervivencia de numerosas illas do Pacífico.

As persoas que desexen achegarse durante esta última fin de semana aínda poderán visitar a exposición no Museo Centro Gaiás con entrada gratuíta e en horario continuado, de 10:00 a 20:00 horas, antes da súa clausura definitiva o domingo.

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Una alternativa a las residencias” – Manuel Domínguez

“Una alternativa a las residencias” – Manuel Domínguez

Una alternativa a las residencias. Puede ser la historia de Benito, Matilde, Juan y Ana u otros. Vives solo sin gato, ni perro que te ladre, la soledad de una manera o de otra mata. Tienes piso, o lo tiene el otro, o ninguno, sois amigos desde la infancia, o desde...