O atractivo cultural e mariñeiro converte a localidade barbancesa nunha das catorce incorporacións á rede estatal para o ano 2027.
A rede Pueblos Mágicos de España vén de anunciar a incorporación de catorce novas localidades para 2027, entre as que se atopa o concello de Rianxo. A organización sen ánimo de lucro salienta desta vila da ría de Arousa o seu porto e a súa vida mariñeira, elementos que se unen a un rico legado literario vinculado a figuras como Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio. Dende a entidade describen o municipio sinalando que as casas dos seus escritores e a tradición compartida en torno a A Rianxeira permiten interpretar a identidade desta localidade.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, explicou que a candidatura do municipio responde á vontade de impulsar a zona como un referente en turismo familiar, sostible e respectuoso coa veciñanza. Segundo sinalou o rexedor, o goberno local vén traballando nesa liña e continuará impulsando actuacións para mellorar a vila, ofrecer servizos de calidade ás persoas visitantes e promocionar o municipio en todos os foros posibles.
Bustelo tamén manifestou que reciben esta declaración con profunda gratitude. Aínda que asegura que o traballo diario non ten como obxectivo recoller distincións ou recoñecementos, admite que este tipo de nomeamentos supoñen un motivo de orgullo e un alento para seguir traballando na mesma dirección. O alcalde destacou ademais que estes distintivos non só sitúan a Rianxo no mapa do turismo nacional e internacional, senón que poñen en valor o esforzo realizado para conservar e promocionar os elementos que fan única a identidade local.

O simbolismo da Virxe de Guadalupe de Asorey
O rexedor quixo ensalzar tamén a imaxe escollida pola organización para ilustrar este recoñecemento: a escultura da Virxe de Guadalupe de Francisco Asorey, unha peza que exemplifica a identidade rianxeira. Esta obra foi instalada en Tanxil no ano 1932 tras ser encargada ao escultor por Ángel Baltar, permanecendo nese enclave durante máis de setenta anos. No 2005, os herdeiros da familia Baltar decidiron retirala polo risco de desprendementos e problemas na contorna do cantil. Tras a súa recuperación, a escultura foi recolocada no seu espazo orixinal o pasado 5 de setembro, devolvendo á paisaxe de Rianxo un dos seus símbolos máis recoñecibles.
Catorce incorporacións de nove comunidades
Coa súa entrada para 2027, Rianxo pasa a formar parte dunha listaxe de catorce novos municipios pertencentes a nove comunidades autónomas distintas. Xunto á vila galega súmanse á rede Artajona (Navarra), Burguillos del Cerro (Badaxoz), Candeleda (Ávila), Casares (Málaga), Guardamar del Segura (Alacante), Jódar e Sabiote (Xaén), Medina de Pomar (Burgos), Morata de Tajuña e Villaviciosa de Odón (Madrid), Riba-roja d’Ebre (Tarragona), Trillo (Guadalaxara) e Unha (Lleida).






