Galicia vivirá este xoves, 26 de novembro, unha xornada de transición marcada por unha situación intermedia entre altas e baixas presións. O paso dunha fronte cálida ao longo do día deixará un ambiente moi húmido en todo o territorio.Rrexistraranse precipitacións de carácter feble que afectarán principalmente á franxa atlántica —incluíndo as Rías Baixas— e ás zonas altas. No resto da Comunidade predominarán os ceos nubrados, cunha tendencia a abrirse algúns claros no interior cara á tarde-noite.
No referente ás temperaturas, os valores mínimos experimentarán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas manteranse sen demasiados cambios respecto aos rexistros do mércores.(máximas de 13 a 15 graos).
Pola súa banda, o vento soprará de compoñente sur-suroeste, facéndoo con intensidade frouxa no interior e moderada ao longo do litoral.

O noso mar: A forte marusía e o vento do sur marcarán a xornada deste xoves nas Rías Baixas e no litoral
Rías Baixas. A situación marítima estará marcada este xoves polo vento de compoñente sur e o estado de forte marusía durante toda a xornada, aínda que cunha boa visibilidade en todas as franxas horarias.
Segundo o parte meteorolóxico para o litoral e as Rías Baixas, o vento soprará do sur con forza 3 a 5 durante a mañá (de 07:00 a 14:00 horas) e a noite (de 20:00 a 07:00 horas), acadando intensidade de forza 4 a 5 nas horas centrais da tarde (de 14:00 a 20:00 horas). Este réxime de ventos manterá o estado do mar en forte marusía ao longo de todo o día.
Pola súa banda, o mar de fondo procederá do noroeste, deixando ondas que oscilarán entre os 1,5 e os 2 metros de altura pola mañá. Co avance da xornada, a ondada descenderá lixeiramente até situarse entre 1 e 1,5 metros pola tarde, remontando de novo até valores de entre 1 e 2 metros durante a noite. A visibilidade será boa en todo momento.






