Rois reafirma o seu compromiso contra a violencia machista no acto institucional do 25N

25 Novembro 2026

O Concello de Rois conmemorou este mércores, 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun acto institucional celebrado no Edificio Multiúsos A conmemoración comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista.

A continuación, a concelleira de Asuntos Sociais, Mercedes Basante, foi a encargada de ler o manifesto, no que a Administración municipal expresou o seu rexeitamento firme a calquera forma de violencia que atente contra a liberdade, a dignidade e a seguridade das mulleres.

O Concello puxo o acento na realidade específica dos municipios rurais e na importancia da proximidade como ferramenta para detectar e actuar ante situacións de violencia. “Aquí coñecémonos todos e todas, e precisamente por iso, non hai espazo para o silencio nin para o disimulo. Non podemos nin queremos mirar para outro lado”, subliñou Basante, que incidiu na necesidade de combater o silencio e a xustificación das condutas machistas.

Durante o acto lembráronse as mulleres e os menores asasinados no que vai de ano en España como consecuencia da violencia machista e fíxose unha mención especial á vítima rexistrada en Galicia. O manifesto recordou que, detrás das cifras, “hai vidas truncadas, familias esnaquizadas e fillas e fillos que quedan orfos ou con profundas secuelas para sempre”.

Colocouse unha flor en memoria de cada unha das 47 vítimas deste ano e dos 3 menores

Ao rematar a lectura, rendeuse homenaxe ás vítimas da violencia machista cunha flor en memoria de cada unha das 47 mulleres asasinadas e dos tres menores que perderon a vida este ano.

Ao acto asistiron o alcalde de Rois, Ramón Tojo, a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e outros membros da Corporación Municipal. Tamén estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais de Padrón, Mariló Saco, e a directora do CIM Terras de Iria, Isabel Ramos.

Na conmemoración participaron tamén persoas con discapacidade das asociacións AMIPA e Andaina Pro Saúde Mental, representantes de colectivos veciñais, alumnado e profesorado do Obradoiro Dual de Emprego Rois-Teo e representantes do CIM Móbil.

Colocouse unha flor en memoria de cada unha das 47 vítimas deste ano e dos 3 menores

Recursos de proximidade para as mulleres de Rois

O Concello aproveitou tamén a conmemoración do 25N para lembrar os recursos públicos que teñen á súa disposición as mulleres do municipio.

Entre eles atópanse os Servizos Sociais comunitarios de Rois, como primeira porta de entrada para recibir atención, orientación e apoio de maneira confidencial, así como o Centro de Información á Muller (CIM) situado en Padrón, que presta ás mulleres asesoramento xurídico e atención psicolóxica especializada e gratuíta.

Este ano súmase ademais o Servizo Móbil de Atención á Muller, que se despraza ata o municipio para achegar información, resolver dúbidas e facilitar o acceso aos recursos sen necesidade de desprazamentos. Precisamente coincidindo coa xornada do 25N, o CIM Móbil estivo hoxe diante da Casa do Concello con dúas profesionais especializadas en información e sensibilización sobre violencia de xénero.

O manifesto municipal pechouse cun chamamento ao conxunto da veciñanza para asumir un papel activo na erradicación da violencia de xénero, rexeitando as actitudes machistas e promovendo a igualdade en cada fogar, en cada parroquia e en cada espazo público.

“Queremos construír un Rois máis seguro, máis xusto, máis igualitario e totalmente libre de medo. En Rois, contra a violencia machista, damos a cara e tendemos a man”, concluíu Mercedes Basante.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión