En Outes

Con motivo da conmemoración do 25N, o Concello de Outes achegou unha completa programación de actividades de concienciación, a través do CIM (Centro de Información á Muller). A axenda comezou o 24 de novembro, coa representación da obra Golpes, peza teatral dirixida ao alumnado do IES Poeta Añón. Trátase dunha actuación concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade no marco do acordo de colaboración coa FEGAMP. Celebrouse na Casa da Cultura de Outes.
O día 25 de novembro, mércores, habilitarase en horario de mañá (de 10.00 a 13.00 horas) un Punto Violeta, un espazo de información e sensibilización contra a violencias machistas con entrega de material. Trátase dunha actividade encadrada na campaña Na Procura dun camiño libre de Violencia de Xénero, abeirada ao Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero para o exercicio 2026.
Ás 12.30 do mércores celebrarase unha concentración polo 25N na porta da Casa da Cultura de Outes.
Dous días máis tarde, o 27 de novembro, desenvolverase o obradoiro Si ou Non, taller de prevención da violencia de xénero dirixido á entidade inclusiva local ADISBISMUR. Será impartido polo servizo de Igualdade do Concello de Outes.
O día 28 de novembro representarase Vitória, ás 20h, obra de teatro aberta a maiores de 12 anos. Será na Casa de Cultura de Outes e no marco da programación do Outono Teatral. Trátase dunha actividade encadrada no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.
O 30 de novembro ás 15.30 horas celebrarase o obradoiro Non Esquecemos, un taller de prevención da violencia de xénero dirixido ao alumnado do Obradoiro de Memoria de Cando, a cargo do servizo de Igualdade do Concello de Outes.
Este obradoiro repetirase o 1 de decembro para o alumnado do Obradoiro de Memoria de Cruceiro de Roo (ás 11h) e o 1 de decembro para o Obradoiro de Memoria do Freixo (ás 10h).
En Ribeira

A Concellería de Igualdade de Ribeira e o CIM local (dependente de Igualdade) programaron no marco do 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres) un completo programa de actividades que teñen o nexo común de procurar unha sociedade máis igualitaria e contribuír a erradicar esta eiva social.
Este mércores 25 desenvolverase un acto institucional, ás 11.30 horas, na praza do Concello, dirixido a toda a veciñanza do termo municipal e coa participación activa de alumnado dos institutos do municipio. Para avanzar en preparación e coordinación, o Goberno local argallou un programa de actividades cos IES do concello nos días previos á homenaxe do día 25 ás mulleres vítimas da violencia. No IES Leliadoura estase a desenvolver o obradoiro Sementes de cambio. Erradicando a violencia sexual. No IES Nº1 celébrase o obradoiro Transformar.
De xeito complementario, o Concello impulsou este mes de novembro unha campaña municipal contra as agresións baixo o lema Desconéctate do control. As violencias tamén son dixitais.
No capítulo de actividades culturais representarase a narración oral Príncipas e Princesos (Os Contos de Pablísimo), dirixido ao alumnado de Primaria no Auditorio Municipal de Ribeira.
Tamén haberá unha actividade de sensibilización nas rúas de Ribeira (Detrás dunha mente maltratada).
O programa incluíu un curso de defensa persoal feminina celebrado pasado 7 de novembro na Fieteira, impulsado polo CIM de Ribeira e a Deputación.
Ademais, a Administración local adheriuse á campaña É VIOLENCIA con todas as letras, da Xunta de Galicia, así como á campaña De Fronte á violencia de xénero, impulsada pola Deputación.
En Muros
A axenda do Concello de Muros vén con diferentes actividades (obradoiros, teatro, sesións de sensibilización e un acto institucional no Curro da Praza) para, segundo a alcaldesa María Lago e a concelleira Maruxa Martínez, “reflexionar, aprender, sensibilizar e seguir avanzando cara a unha sociedade libre de violencias machistas”. Desenvolveranse ao longo das vindeiras semanas de novembro. A axenda comezou o 14 de novembro co obradoiro Como acompañar ás mulleres que sofren violencia machista e as súas familias, coa psicóloga Áurea Brea e proseguiu o 18 co taller A sombra constante: pasado e presente da violencia de xénero. O 19 de novembro (ás 10h) será a quenda do obradoiro A sombra constante: pasado e presente da violencia de xénero, na Casa Social de Torea.
O 21 de novembro ás 20:30 h houbo teatro para público adulto: As damas de Ferrol,no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil. O 22N foi a quenda do teatro familiar Crisálida, no Local Social de Sorribos. O 23N celebrouse a charla Sementes do cambio: erradicando a violencia sexual. Foi no IES As Insuas e no IES Fontexería.
O día 25, entre as 10 e as 13h, habilitarase un punto de sensibilización en colaboración con ADISBISMUR e a Deputación da Coruña. Ás 12h o Curro da Praza acollerá a concentración e a lectura do manifesto de Muros no 25N.
Na Pobra

A educación como ferramenta de prevención e a sensibilización social constitúen os principais eixes da programación da Concellería de Igualdade da Pobra con motivo do 25N. A programación comezou o 4 de novembro co obradoiro Conectad@s, dirixido ao alumnado de 1.º da ESO do IES da Pobra. A continuación comezou a formación para os estudantes do CPR Divino Maestro e de 2.º da ESO do IES, impartida polo persoal técnico da Concellería. A formación do profesorado tamén ten un papel destacado, con dúas sesións de co-educación en igualdade previstas para os días 12 e 26 de novembro. Estarán impartidas pola experta Laura Viñuela.
Amais, os centros de educación infantil participan, entre o 23 e o 27 de novembro, nunha actividade de contacontos contra a violencia de xénero.
O teatro é outra das ferramentas empregadas para transmitir estas mensaxes. O 23 de novembro, a compañía Ghazafelhos representou Travesía Unicornio para o alumnado de educación primaria.
O 24N, o alumnado de 3.º da ESO do IES da Pobra participou na actividade Unha historia de diversidade a través da arte, impartida pola creadora, escritora e ilustradora Carmen Granxeiro.
Ademais, a Casa da Mocidade acolleu o 20N ás 10.00 horas a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
O 25 celebrarase un dos actos centrais da axenda, ás 19h: a concentración nos Xardíns de Valle-Inclán, xunto á escultura de homenaxe ás vítimas da violencia de xénero.
Ademais, entre o 23 e o 30 de novembro, os mesmos xardíns albergarán unha exposición informativa instalada sobre estruturas en forma de prisma.
A programación complétase coa campaña local Desmárcate das violencias machistas, que este ano incorpora unha iniciativa participativa nas redes sociais da Concellería de Igualdade.
A través da conta @igualdadeapobra, desenvolverase un sorteo de tres lotes de materiais da campaña, entre os que se inclúen camisolas, bolsas, paraugas, cadernos e outros artigos promocionais. O propósito é ampliar a difusión das mensaxes de sensibilización e fomentar a reflexión colectiva.
En Dodro
O Concello de Dodro organiza este mes unha programación de actividades para “sensibilizar, reflexionar e camiñar xuntas e xuntos cara a unha sociedade libre de violencias machistas”. A axenda arrincou o 30 de outubro, co prendido das luces e colocación das pancartas na Casa da Cultura e na Casa do Concello.
Ademais, do 6 ao 19 de novembro estivo visíbel a exposición fotográfica Express-Arte, creada no marco do programa de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero impulsado pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses (AXEL). A exposición chega a Dodro a través da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
O sábado 21 celebrouse a Andaina 25N. O mércores 25 desenvolverase o acto institucional ás 12h na Casa do Concello, con minuto de silencio e lectura do manifesto.

No Porto do Son
A axenda do 25 do Concello do Porto do Son inclúe (entre outras cousas) unha exposición (Mulleres e o Mar), unha nova xuntanza da mesa local contra as agresións, un acto institucional o día 25 (con lectura de manifesto) e unha manchea de actividades deportivas en novembro e tamén en decembro e xaneiro.
A programación arrincou o xoves 5 de novembro coa celebración da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero.
Ademais, do 17 ao 30 de novembro o Museo Marea acolle a exposición Mulleres e o Mar, en palabras do Concello “un tributo a todas aquelas mulleres traballadoras e loitadoras incansábeis que dende o século XIX e ao longo do XX estiveron vencelladas estreitamente ao mar e as súas industrias, e é un relato colectivo de todas estas profesionais da pesca: redeiras, mariscadoras, regateiras, conserveiras”. Pode verse de martes a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas e venres e sábados de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00h A entrada é libre e de balde.
O propio mércores 25 o Concello celebrará un acto conmemorativo e participativo baixo o lema Todos/as baixo o mesmo paraugas onde se levará a cabo a lectura do manifesto ás 12.00 h na praza de España. Realizarase tamén a entrega de paraugas da campaña do 25N para as persoas asistentes.
A axenda incluíu unha campaña de sensibilización e formación entre o alumnado do IES de Porto do Son, unha actividade deportiva o 28 de novembro (Crossfit en Igualdade no Polideportivo de Trapa), unha campaña de sensibilización no marco da carreira Sin-Son (o domingo 20 de decembro) e un curso de autodefensa para mulleres no Polideportivo de Santa Irene (o 24 de xaneiro).
En Lousame
O Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, está a desenvolver unha nova campaña de sensibilización do 25N baixo o lema Que non che prendan as ás, unha iniciativa na que tamén colaboran as persoas participantes dos obradoiros municipais de memoria e asociacións inclusivas como Amicos e Misela. O 25N acudirán ao Consistorio para ler uns poemas e dispoñer a creatividade elaborada (as ás que non prenden) nun mural preparado para a ocasión.
Ademais, o xoves 19 de novembro a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, participou nun podcast que vai facer o alumnado de 4º da ESO co mesmo lembra elixido para as celebracións deste ano: Que non che prendan as ás. Ademais, programouse unha nova xuntanza da Mesa Local de Coordinación Contra a Violencia de Xénero.
En Noia

En Noia o Concello argallou unha manchea de actividades para celebrar o 25N en clave creativa e participativa, sendo un dos fíos argumentais do programa a campaña de sensibilización Noia di non á violencia de xénero que está activa nas farmacias da localidade.
A axenda comezou o 18 de novembro no Noela cunha cita das Aulas da Saúde de Noia baixo o título Equidade de xénero: outras caras da saúde, que incluíu a proxección de Matria de Álvaro Gago e máis unha conversa con Inés Fernández de Córdoba, médica de familia.
Ademais, estes días podemos visitar a mostra Ecos de Kim, no Casino de Noia, elaborada polo alumnado do IES Virxe do Mar co obxectivo de “reivindicar os valores feministas e denunciar a violencia contra as mulleres a través da arte”. A exposición estará visíbel ata o 7 de decembro, de martes a xoves, en horario de 10.00 a 14.00 h no Casino. A mostra está inspirada na obra de Christine Sun Kim (California, 1980) recoñecida artista sonora, performer e activista.
Do 20 ao 29 de novembro iluminarase a Casa do Concello de cor morada, no marco do 25N.
O 23 de novembro celebrouse a charla O Padroado de protección ás mulleres: a institucionalización da violencia contra as mulleres coa xornalista e investigadora Montse Fajardo, dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato no Coliseo Noela. Houbo unha segunda quenda da xornada ás 20.30h no Casino.
O martes 24 desenvolveuse o contacontos teatralizado Daniel e Daniela, para o alumnado de Educación Infantil dos centros educativos.
O mércores 25 a axenda comezará ás 11.45 coa lectura da declaración institucional diante do Coliseo Noela. Participará o alumnado de Secundaria dos centros educativos e incluirase un minuto de silencio polas vítimas de violencia de xénero. Tamén haberá un photocall co lema Noia di non á violencia de xénero e o sorteo de 6 vales de 50€ entre as fotografías participantes. O alumnado do IES Virxe do Mar lerá poemas da exposición Ecos de Kim no Casino de Noia.
O 5 de decembro celebrarase un obradoiro de defensa persoal para mulleres impartido por Metanoia Arte Suave, no antigo Ximnasio Muíños, ás 11h (de 10 a 15 anos) e ás 12h (a partir dos 16).
O 13 de decembro celebrarase outro obradoiro de defensa persoal no Casino a partir das 10, organizado polo CIM. O 19 haberá teatro da man de Teatro Noroeste e a obra As Damas de Ferrol, ás 20h no Noela. Será de balde e encádrase no Circuíto en Igualdade da Deputación.
En Boiro
O Concello de Boiro conmemora o 25N baixo o lema Un momento en movemento para facer unha chamada á implicación permanente de toda a sociedade fronte ás violencias machistas. O acto central será o 25 de novembro ás 12.00 horas na Casa Consistorial, que se complementa coas distintas actividades que se desenvolven durante todo o mes.
O acto central do día 25 vai combinar a lectura dun manifesto colectivo con tres voces de distintas xeracións e experiencias. Participarán na lectura do manifesto o alumnado Secundaria, mulleres adultas do Centro de Día e unha persoa que viviu a violencia de xénero en primeira persoa.

O acto estará acompañado pola actuación da pianista local Elsa Muñiz, que interpretará distintas pezas para piano nunha proposta que combinará microrelatos e caligramas. “Esta experiencia pretende conectar coa sensibilidade das persoas asistentes e trasladar unha mensaxe de esperanza, fortaleza e capacidade de reconstruírse”, informaron dende o Concello.
Este acto central complementase coas distintas actividades que dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Boiro se veñen desenvolvendo ao longo de todo o mes como o obradoiro de defensa persoal ou o coloquio As tolas que non o eran, a cargo da escritora Carmen V. Valiña. Tamén se incluíu un obradoiro sobre alimentación e benestar hormonal e a representación teatral As formas do amor (o pasado 21 de novembro no Centro Social de Abanqueiro).
O Concello segue adherido á campaña De Fronte, da Deputación da Coruña, e que este ano pon o foco no sistema proinstitucional e nas desigualdades sociais, económicas e culturais que o sosteñen.
En Rianxo
O 25N en Rianxo vai ser unha xornada de sensibilización pola igualdade e de loita contra as agresións machistas, da man da Concellería de Igualdade que dirixe Ana Vidal. O mércores 25N haberá durante todo o día actividades participativas e abertas á cidadanía.
En concreto ás 12:00, no Auditorio de Rianxo, terá lugar a lectura do manifesto institucional nun acto aberto á participación de toda a cidadanía.
Amais, Rianxo será unha das sedes da quinta edición dos seminarios intensivos de defensa persoal feminina que organiza a Deputación. Será unha formación con contidos e exercicios prácticos orientados á prevención, á detección de situacións de risco, á toma de decisións e á resposta ante unha posíbel agresión. O obradoiro celebrarase o 5 de decembro no Pavillón Municipal José Manuel Abuín “Chema”. Poderán participar como máximo 75 persoas.






