- A vítima atopábase reparando unha maquinaria arredor das dez da mañá cando esta cedeu e lle caeu enriba.
- O 112 Galicia mobilizou un amplo dispositivo de emerxencia e activou o grupo de intervención psicolóxica para atender á familia e aos compañeiros.
Un traballador perdeu a vida esta mañá tras sufrir un grave accidente laboral nun serradoiro situado na parroquia de Entíns, no municipio coruñés de Outes. O suceso produciuse pouco despois das dez horas, momento no que o servizo de emerxencias 112 Galicia recibiu a alerta e activou un dispositivo de asistencia e rescate.
Segundo a información recollida polos servizos de emerxencia, a vítima atopábase realizando tarefas de reparación nunha máquina das instalacións cando, de xeito repentino, o aparello cedeu e caeulle enriba. Os propios compañeiros de traballo lograron liberalo de inmediato, pero os esforzos resultaron en balde, xa que o operario falecera no acto.
Ata o lugar do sinistro desprazáronse axentes da Policía Local de Outes —que confirmaron o falecemento á súa chegada—, profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Noia, os Bombeiros de Boiro e unha patrulla da Garda Civil. Malia a rápida mobilización dos equipos sanitarios e de rescate, non se puido facer nada por salvarlle a vida.
Diante da gravidade do ocorrido e co obxectivo de prestar apoio especializado tanto aos achegados da vítima como ao persoal do serradoiro, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, seguindo as indicacións do técnico de emerxencias, solicitou a intervención dos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.





