O secretario xeral da Lingua presenta un novo libro que recolle unha biografía actualizada do intelectual, coeditada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e a Editorial Galaxia

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe a obra A batalla do futuro. Unha biografía de Ramón Piñeiro, un libro coeditado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e pola Editorial Galaxia, que supón, tal e como resaltou, “a biografía máis actualizada ata o de agora sobre a súa vida”.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que a publicación fai “un completo percorrido pola traxectoria vital” de quen fora secretario político do Partido Galeguista, director literario de Galaxia, filósofo, presidente do Consello da Cultura Galega e “unha das personalidades máis relevantes da Galicia do século XX”.
Así, Valentín García sinalou a importancia “de termos presente a figura de Ramón Piñeiro, un home que non só se deixou modelar polo seu tempo, senón que co seu traballo continuado e desinteresado contribuíu a modelar a Galicia que lle tocou vivir e puxo os alicerces da actual, sendo un dos grandes construtores da Galicia contemporánea”.
A autora, a investigadora Beatriz García Turnes, recolle nesta publicación as novidades e os achados que se foron facendo nos últimos anos tanto a raíz dos estudos directos ao redor da figura do galeguista, así como froito dos resultado das investigacións centradas nos eidos da literatura, a política, a sociolingüística e o pensamento galegos e que permiten entender mellor a súa vida e as súas ideas.



