A Real Academia Galega vén de sumar unha nova acepción para este termo a raíz da solicitude formal presentada polo club vigués.

A institución académica aproba tamén dúas novas acepcións para o termo ‘canteira’ logo de analizar a proposta do club vigués e documentar o seu uso metafórico na prensa galega desde 1917.
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) vén de incorporar oficialmente o lema «canteirán, canteirá» como nova entrada, ademais de engadir dous novos significados á palabra «canteira». A actualización léxica prodúcese tras unha petición formal trasladada á institución polo Real Club Celta de Vigo.
Segundo detallou a propia Academia, ao recibir a proposta do club celeste púxose en marcha un estudo previo arredor dos significados de «canteira» cos que estaría relacionada a nova voz. A coordinadora do Seminario de Lexicografía, María Dolores Sánchez Palomino, explicou que, tras esta análise, acordouse sumar ao DRAG dúas acepcións para «canteira»: «lugar ou institución de procedencia de persoas talentosas para unha actividade especializada, particularmente no ámbito deportivo» e «conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club», esta última coa marca diatécnica de Deporte.
Dobre condición e exemplos con chiscadela ao Celta
En canto a «canteirán, canteirá», Sánchez Palomino sinalou que entra no dicionario coa súa dobre condición gramatical:
- Como adxectivo: «[Deportista] que se formou na canteira do seu club», ilustrado cun exemplo que visibiliza o feminino: «As baixas obrigaron a recorrer a varias xogadoras canteirás».
- Como substantivo: «Deportista que se formou na canteira do seu club». Neste caso, a elección dos exemplos inclúe unha referencia directa á entidade que impulsou a incorporación: «Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos».
Pola súa banda, os exemplos escollidos para «canteira» abranguen tanto o ámbito deportivo galego e estatal como o seu emprego noutros sectores, entre eles o universitario.
Evolución semántica e uso documentado en 1917
Desde a RAG salientan que estas incorporacións reflicten a evolución semántica dunha palabra cuxo significado primitivo é o de «lugar de onde se extrae a pedra». Etimoloxicamente, fórmase a partir de «canto» —na acepción de pedra pequena, especialmente a que a erosión volveu lisa e redondeada— e do sufixo «-eira», moi produtivo en galego para crear substantivos co sentido de «sitio onde abunda algo».
A institución subliña ademais que o emprego metafórico de «canteira» ligado a persoas con talento formadas nun mesmo espazo xa se atopa documentado na prensa galega de hai máis dun século. Como proba diso, cita o caso da publicación A Nosa Terra, que nunha das súas páxinas do ano 1917 xa recorría a este termo para reivindicar a aposta pola formación da mocidade do país con talento musical.



