
Reproducir o patrimonio arquitectónico e marítimo local é o motivo polo que o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, renderon homenaxe a Manuel Martínez Rodiño, de 98 anos. Autor de numerosas reproducións de edificios históricos e embarcacións vinculadas á historia do municipio, o veciño pobrense recibía unha placa conmemorativa a xeito de agradecemento polo seu labor na conservación da memoria histórica do municipio e a súa xenerosidade ao compartir as súas creacións coa veciñanza.
Ao longo da súa traxectoria, Martínez Rodiño elaborou numerosas maquetas de edificios e embarcacións que forman parte da historia da Pobra do Caramiñal. Entre os seus traballos salientan: as reproducións da Torre de Bermúdez, do Pazo da Mercé, de Villa Eugenia, da igrexa do Maño e da casa consistorial. A súa vinculación co patrimonio local esténdese tamén aos labores de restauración e mantemento que realizou na Torre de Bermúdez.
O pasado marítimo do municipio tamén está presente na súa obra. Atopamos unha réplica do vapor de pasaxe que comunicaba Vilagarcía de Arousa coa Pobra do Caramiñal desde 1917, entregada en maio de 2025. Tamén elaborou reproducións doutras embarcacións, destinadas tanto a particulares como a distintas entidades.
Parte deste legado consérvase en dependencias públicas do municipio. É o caso da maqueta de Villa Eugenia, doada ao Museo Valle-Inclán o 27 de abril de 2023, ou da reprodución da casa consistorial, que se atopa nas instalacións municipais.
Na elaboración das maquetas tamén conta coa colaboración do seu sobriño Rafael Pérez. Ambos iniciaron, por petición da familia, un proxecto para reproducir o buque Cabo San Agustín, dando continuidade a un traballo que combina a habilidade artesanal co interese pola historia.
Durante a homenaxe, os representantes municipais fixéronlle entrega dunha placa coa seguinte inscrición: “A Manuel Martínez Rodiño, en recoñecemento a toda unha vida dedicada á reprodución do noso patrimonio, á conservación da memoria da Pobra e á súa xenerosidade ao compartir o seu traballo con todos nós. Co agradecemento e o cariño do Concello da Pobra do Caramiñal. Novembro de 2026”.




